Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O ingreso de Pérez Prado na Asemblea Celestial

19:10 28/09/2009

Don Luís Seoane agradece que o recén chegado Antonio Pérez Prado, case sen tempo de desfacer as maletas, interveña na sesión da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense [ACER] na que o recibirán Eduardo Sánchez Millares [Noia] e Fernando Pereira Caamaño [Soutomaior] para oficializar o seu ingreso como membro de pleno dereito. O organismo acolle aos que fixeron patria en calquera das beiras do Río da Prata. A sesión será trasmitida en directo pola Radio do Ceo nun espazo que está a ter moi bos índices de audiencia. O director quere que as intervencións sexan de acordo coa orde alfabética do nome de pía dos participantes para que Antonio se sinta en familia.

--- Antonio: Pois a verdade, meus amigos, que non tiña ningunha présa por mudar de residencia. O certo é que nunca faltou un bife con papas fritas na miña casa. Tampouco fun moi orixinal ao facerme seareiro da vella “Nazón de Breogán” sendo o único herdeiro de dous bos lucenses de Parga que se xuntaron para facerme a min. Home! Non é que saíse ningunha marabilla pero polo menos fun quen de espetar algunha que outra crítica no comportamento dos dirixentes da nosa colectividade. Houbo veces en que tiña ganas de “cagarlos a patadas en el culo” pero había que aguantarse porque actuaban de boa fe naquel formigueiro de emigrantes.

--- Eduardo: Benvido, Antonio. Sei que un dos que querías patear era eu pero agora xa pasou e aquí enriba só temos permitido o uso da palabra. Non sei pero coido que sempre te tiven en consideración. Eras un bo médico, sen dúbida, pero no Centro Galego o galo do curral era eu. Ti, sendo universitario, competías con vantaxe e había que “atarte cortito”  senón o persoal feminino ía detrás túa. Houbo momentos en que me meteches en bos apretos porque ninguén pode negar  que fun un gran picaflor.

--- Fernando: Ola, Antonio. Tiña ganas de falar contigo. Lembrarás, meu amigo, que a primeira distinción que se che entregou foi a do Patronato da Cultura Galega de Montevideo da que eu era o secretario. Aquela Vieira de Prata que propuxen logo de ler o teu axeitado ensaio publicado en “Ediciones de la Bastilla” púxote no mapa riopratense dos bos e xenerosos. Teño que pedirche desculpas porque me quentei moito cando non viñeches ao xantar homenaxe naquel domingo montevideano do que quero esquecerme. Tes que entender que quedei mal diante dos meus compañeiros directivos porque parecía que eras un informal e irresponsable ao non comunicar con anterioridade a túa imposibilidade para desprazarte. Estou vendo aos convidados no salón do “Automóvil Club” da avenida Agraciada ---unhas 250 persoas--- e ti sen dar sinais de vida.

--- Antonio: Primeiro respondo a Eduardo porque aínda que non o pareza tivemos anos de relacións cordiais. Ti falas de competencia coas enfermeiras en vez de falar da miña competencia profesional. Agora que pasaron os anos estás máis morno pero daquela eras o demo. As enfermeiras non querían coincidir contigo no ascensor ao ter unha man moi longa. Podo asegurar que a túa fama era merecida e que te esforzabas para permanecer no Top One.

Contigo estiven mal, Fernando e quen debe desculparse son eu. Puiden avisar con tempo e non o fixen. Estaba afundido. A miña esposa que tamén era médica cortou comigo dun día para outro e foise con Aixa aos Estados Unidos. A miña pequena lonxe e durante moitos anos. Nunca o recoñecín pero foi o pau máis duro da miña vida. Seguín traballando e coa retranca a xeito de coiraza pero quedei marcado polo meu fracaso familiar.

--- Eduardo: A min fodíame que andaban ao teu redor dicindo que el doctor Pérez Prado es muy amable…el doctor Pérez Prado es muy simpático. Por suposto que sabía da túa valía profesional e por iso sempre te tiña preto de min para as visitas de autoridades nacionais e estranxeiras. Unha cousa non ten que ver coa outra. Tamén lembro que eras bastante cáustico nos comentarios anti-colectividade e que se tiñas algunha amabilidade a gardabas todiña para as enfermeiras.

--- Fernando: O pasado, pisado pero no seo da Asemblea Celestial non hai lugar para as hipocresías. Levei unha boa alegría cando os do Pedrón de Padrón se lembraron de ti e cando Alonso Montero te convidou ao congreso de poetas alófonos en Compostela ou cando fuches a Montevideo invitado por Zubillaga Barrera para participar no II Coloquio do Centro de Estudos Galegos. Mereceches máis distincións pero na Xunta de Galicia había ---espero que o novo presidente recoñeza a achega emigrante--- pouca sensibilidade para con aqueles loitadores cun certo arrecendo de republicanismo no corpo. Aproveito para recordar que en Montevideo vive o redondelán Roxelio de Cesantes que merece un recoñecemento. Para min, Antonio, estás no máis alto do pedestal sendo o meu “galaicono” preferido.

--- Antonio: Sempre escoitei que Noia era terra de zapateiros. No teu caso, Eduardo, fuches un bo cliente dos zapateiros ao queimar moitas solas correndo detrás das enfermeiras. Disque non eras moi selectivo e que o teu eran as veteranas non moi fracas. Non é unha crítica pero sempre me sorprendeu o teu ingreso no P.P. sen que che fixesen a rigorosa proba da castidade.
    Non me queixo, Fernando, polos premios recibidos e ata coido que recibín máis do que realmente merecía. Vexo que oíches falar dos meus “galaiconos” que intentan achegar unha imaxe recoñecida dentro da mal chamada cultura nacional arxentina. Se o primeiro presidente e o primeiro educador e o primeiro premio Nóbel eran fillos de Galicia haberá que poñerse a pensar un pouquiño antes encherse a falar da inexistente nación arxentina [en terminoloxía sociolóxica quero dicir].  Hai que falar do complexo de Polícrates que segundo o prof. Rof Carballo nos diferencia coma xen dominante e que levaron para Bos Aires os nosos emigrantes.

Eduardo: Parece que o único que facía polos corredores do Centro Galego era ir detrás das saias brancas. Tamén fun un bo administrador que non deixei que se estragase o patrimonio social. Eu era galeguista moderado pero sen un partido forte non se pode progresar e así foi que me fixen “popular”. Fun dos giles que traballaba gratis e non me arrepinto porque a nosa semente fixo que novamente teñamos un goberno serio na Xunta. Con gobernos bipolares, ti que es médico o entendes, non se vai a ningures.

Fernando: Non estou de acordo contigo porque houbo medallas Castelao que se outorgaron por compromisos de quen gobernaba naquel momento. Así non se fai. Non é ético utilizar as condecoracións públicas para quedar ben cos amigos. Por favor! Meu Deus! Quedaches sen medalla e tamén Tacholas e Pampillón e Cupeiro. Non tiven tempo senón no meu pequeno concello de Soutomaior tiña previsto unha festa cultural anual para cada un de vos. Algo de tempo tiven pero houbo que enfrontarse contra de moitos ignorantes que só querían cousas concretas e puntuais no eido local.

Antonio: Recoñecerás meu Eduardo que a túa fama era certa porque presumías diante de quen fose. Supoño non esqueceches aquela aclaración miña cando estabas a fachendear dun alcume que che puxeran. Non podo ---estou na radio--- repetir aquela escea machista. Por suposto que é tempo pasado pero de algo temos que falar. Somos amigos e coincidimos no desexo de que Galicia progrese e tamén en que os peronistas non gobernen máis na Arxentina.

As medallas e os premios, despois que chegas aquí enriba, teñen pouca importancia irmán Fernando. Cando miramos para abaixo entendemos o burriños e paspáns que fumos. Moita tecnoloxía pero a envexa segue medrando sen que haxa ningún medicamento que a cure ou alomenos a manteña controlada. Moito teléfono móbil e mensaxes de texto pero os namorados seguen a quedar sen palabras cando se emocionan.  Acabo de chegar e mira todo o que aprendín.

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...