Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Un tango para Rosalía de Castro.

13:40 09/07/2010

Dona Diáspora estivo polo barrio porteño de San Telmo. Quería estar na homenaxe ao seu bo amigo Antonio Pérez Prado [1926-2009] que promoveu a Federación de Sociedades Galegas cunha exposición onde se recolle a traxectoria vital deste egrexio fillo da emigración. Nos salóns do MEGA relocían compracidos os sorrisos de Antonio ao ver que Aixa, a neta de Fé, viaxou desde os Estados Unidos para achegarse ata unha foto e dicirlle en voz baixiña: “Acá me tenés, viejo”.

Volveu axiña despois de tomar un café nas “Violetas” con Graciela Pereira e Carlos Penelas. Falaron das épicas historias identitarias do fillo lucense de Parga e dos seus fondos coñecementos sobre o lunfardo e o tango. Saíron anécdotas dos seus anos no Centro Galego e os seus históricos debates retranqueiros arredor dos mal chamados “chistes de gayegos”. Antes de coller o camiño de  Ezeiza fíxolles unha petición: un tango para Rosalía de Castro. O dúo é o máis indicado. Carlos pode escribir a letra e Graciela a música. A nosa inmensa Cantora do Sar recibirá agradecida o seu tango-agasallo e comentará na tertulia con Maruxa Villanueva sobre o significado de algunha das palabras lunfa que poida descoñecer.

Dona Diáspora non quere perderse a lembranza rosaliana do xoves 15 de xullo que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ás 16:30 horas achegaráse ao cemiterio da Adina [Iria Flavia-Padrón] para escoitar a lectura dos primeiros poemas antes de coller o billete [5 €] para viaxar no tren especial “Follas Novas” ata Compostela. Levará na man unha fotocopia da páxina 137 do libro A emigración galega no tango riopratense e intentará recitar con profesionalidade os versos de evocación rosaliana que Eduardo Calvo Souto escribiu no limiar do seu tango “Ramonciño”:   

Airiños, airiños aires
airiños, da miña terra.
Son como os de Buenos Aires
o corazón queda nela.
   
O emigrante padronés escribiu unha gran páxina do tango coa súa creación “Arrabalero” [música de Osvaldo Fresedo] que foi gravada por Carlos Gardel. No seu  currículo autoral ten a honra de ser o primeiro autor en escribir tangos con versos en galego coma por exemplo en “Corazón Gallego”. Agora o fillo Carlos e a neta Graciela traballarán xuntos para que o vindeiro 25 de maio de 2011 se poida estrear un tango-homenaxe cento vinte anos despois do traslado dos seus restos a Santiago de Compostela. En Padrón deberían de pensar en lembrar ao emigrante Calvo cunha rúa, praza ou coa institucionalización dunhas xornadas de tango nas que en cada edición se interpreten pezas da súa autoría. A forza sentimental do tango riopratense leva no seu amoado  unha porcentaxe da nosa atlántica fariña de centeo.

Dona Diáspora acaba de rematar a lectura dunha obra que recomenda aos emigrantes. Considera que explica moi ben unha característica que forma parte do cerne da nosa identidade. En “Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica” o profesor Castro Pérez realiza unha esclarecedora análise que vai desde o Santo Pemento e a Santa Pataca ata rematar no Santo Churrasco. Lendo as súas páxinas imos razoando e concluíndo que en Galicia sempre lle quitamos bo proveito aos poucos produtos dos que se dispoñía. A actual cor dos chourizos non foi así ata que o pemento americano non se incorporou á nosa cociña e a coñecida allada non existía porque os allos sós non fan unha salsa. O catedrático cangués non esquece o heroico esforzo das mulleres que eran as que se responsabilizaban de alimentar unha familia tendo ao seu carón moi pouquiña variedade de ingredientes gastronómicos xa que soamente abondaban as berzas.

Cando dona Diáspora teña oportunidade preguntará se podemos albiscar unha certa relación entre a  emigración e os desexos de comer pan branco e carne de vacún. Ella coñece casos de emigrantes que agora residen en Bos Aires e Montevideo que lle dixeron que eles non pasaban fame pero que estaban fartos do caldo día si e día tamén. Se antes en Galicia eran membros activos da “porcolatría” axiña se fixeron en terras americanas seareiros da “vacalatría”. Na súa defensa ---os galegos non son virachaquetas--- cómpre dicir que logo de rematada a súa vida laboral non hai  retornado do Río da Prata que non deveza por unhs chouriziños curados ou fervidos ou por unhas boas costelas de porco na grella. Un ferreiro da aldea de Tines [Vimianzo] degoaba en Montevideo por unhas papas de millo. Haberá que seguir afondando para encher os milleiros de páxinas que aínda temos pendentes coas historias de cada unha das singraduras emigrantes.

4,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...