Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

En “Cas do Rico” non queren volver ao retraso

11:06 15/06/2009

Se nos achegamos pola aldea de Tines no concello de Vimianzo [Terra de Soneira] comprobamos que a língua propia debe quedar sempre á marxe das confrontacións políticas. Alí en “Cas do Rico” ningún dos catro membros da familia fai distinción entre o galego, o castelán, o francés e o italiano. Non falei con eles pero coido que estarán fondamente sorprendidos coa intención do novo goberno de volver atrás no tempo. Sei que non entenderán que se busquen problemas onde non os hai ou que se queiran recortar dereitos aos galego-falantes.

Os catro membros da familia utilizan o galego como língua habitual de uso diario. O francés é o idioma da nai que naceu en Delémont [République et canton du Jura] pero tamén o italiano porque seu pai é de Pordenone. En calquera reunión con eles saímos feitos uns auténticos políglotas. Nesta academia informal de idiomas non houbo necesidade de ningún decreto normalizador. Sen ler ningún informe científico hai unanimidade familiar. As línguas están para seren respectadas porque nos identifican e nos unen en harmonía coa paisaxe onde abrimos os ollos á vida.

Coma outros moitos da parroquia, Cheíto de Romarís, buscou en Suiza unha nova vida. Aínda non cumprira 18 anos e non sabía onde quedaba Delémont pero alí foi. Un ano antes marchara o seu mellor amigo que traballaba nunha pastelería. Na carta que recibiu dicíalle que necesitaban xente. Non o dubidou pero a viaxe fíxoselle longa pensando no asunto de converterse en confeiteiro. Algunha vez fixera un caroliño para cocer no forno pero o seu era ir ao monte. Era feliz enredando entre carballos e pinos.

Axiña aprendeu o oficio. Cando lle preguntaban como fixera dicía que de neno era moi larpeiro. Agora tiña nas mans ducias de produtos saborosos que con amabilidade e sabedoría o pasteleiro alemán Werth lle ía ensinando a utilizar axeitadamente. Disque os mellores cruasáns da Confederación Helvética saían daquel forno. Unha rapaza que traballaba nunha tenda veciña viña todas as mañás polo seu cruasán. Un día no que Cheíto estivo no mostrador por mor dunha baixa foi quen de escollerlle, entre moitos, un dos máis tostadiños. Cando o estaba envolvendo espetóulle sen reviravoltas que o  buscara porque foi amasado polas súas mans. A moza quedou engaiolada pola xentileza do emigrante.

Casaron na capital do cantón nunha fermosa cerimonia bilingüe francés- galega. En poucos meses de convivencia a cidadá nativa aprende un novo idioma sen estudar en ningunha academia. No verán virán de vacacións para axudar un pouco coas patacas. Cheíto quere que a súa muller probe os pasteis locais. Mercan uns poucos na feira de Baio e soben camiño de Laxe. Antes de chegar ao mar deciden achegarse ao abeiro das grandes pedras onde ten o seu fogar don Dombate. Séntanse no chan coas costas nos esteos e falan da paisaxe que os rodea. A vexetación chama a atención da estranxeira que pregunta en galego polo nome dunhas flores amarelas ao que lle responde seu home en perfecto francés.

Cando están a degustar o primeiro pastel oen unha voz que os saúda con familiaridade: Benvidos! Vexo, amigo Cheíto, que casaches fóra pero que a túa muller, Silvia, fala igualiño que nós. Ten seseo e gheada e sabe que formo parte da antiga familia das antas megalíticas. A miña noraboa. Sei que seredes moi felices xuntos porque cada un puxo a súa parte. Ti fixeches de mestre de galego e ela fixo de mestra de francés e non hai unión máis forte, penso eu, que a baseada no amor e no respecto mutuo. Coido que as autoridades deberían de poñervos como exemplo de que o noso idioma non debe ser motivo de separación senón de irmandade en harmonía. 

O emigrante queda sorprendido de que saiba o seu nome e contéstalle: Seica ten vostede moi boa memoria porque foron poucas as veces que pasei pola súa beira camiño da festa na casa dos Marrocos de Borneiro.  Agora ben, no tema da língua coido que esaxera un pouco. Non fixemos nada extraordinario só respectarnos coma persoas cunha identidade propia. Se ela naceu alá e eu aquí, por forza tiñamos que falar línguas diferentes. Poida que non haxa mellor política lingüística que aquela que sae do sentimento xa que non necesita ningún decreto de normalización.


Don Dombate reflexiona un pouquiño e di: Ti sabes que algúns, moi poucos por certo, andan dicindo que a nosa terra se rompe porque disque temos nun gueto aos que falan castelán. A vosa actitude dáme folgos e esperanza. Nestes tempos de crise o mellor é recibir unha boa herdanza e os vosos fillos serán dobremente ricos porque herdarán dúas línguas e dúas culturas. Entendo que haxa quen prefira deixar euros esquecendo que o diñeiro non ten patria porque só fala unha linguaxe: a do interese. Adeus e volvede cos herdeiros.

4,45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...