Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Un emigrante de Alqueidón

10:41 04/02/2010

Poida que o actual goberno galego sexa quen de sandar as feridas que se foron facendo durante máis dun século de emigración galega. Estou a falar da diáspora desta vella terra atlántica que buscou acubillo lonxe e que deixou alí a súa honrada pegada de esforzo solidario. Non hai máis honra que a incondicional achega de sangue para erguer un novo espazo onde quecer e esquecer longas noites de friaxe. O mundo da emigración está cheo de edificantes exemplos e cada un de nós coñece historias dignas de figurar en letras de imprenta. Todos formamos parte do fogar de Breogán que é ao mesmo tempo real e virtual. A emigración fixo nacer un novo produto que é unha amálgama de realidade social e sentimental: a neomorriña.

Aínda hai quen non se decatou de que os emigrantes son grandes creadores e ademais con obra orixinal. Hai quen os ve coma uns desgraciadiños e quen os califica de heroes. Segundo sexa a visión da diáspora será tamén a actitude cara eles. Haberá quen diga que é mester axudalos porque están lonxe e outros dirán moi convencidos que son a personificación daqueles inmorrentes guerreiros do Medulio. Aínda que prefiro a versión épica non se trata de enfrontarse a ningunha dualidade que por certo inflúe tamén no enfoque parcial e localista que sobre a emigración teñen milleiros dos nosos cidadáns.

Hoxe o feito migratorio galego está protagonizado polos nosos descendentes. Non sei ben pero paréceme que nesta identificación coa nosa terra hai máis sentimento que ideoloxía. Levo falado con moitos arxentinos e uruguaios aos que non lles preocupa nadiña o aspecto electoral da súa incorporación ás raíces. Afirman con convencemento que só deben votar no lugar onde residen porque senón estarían decidindo sen coñecemento de causa. Din que non deben intervir nos asuntos internos do concello onde naceu a avoa ou o avó porque a eles ningún dos candidatos que se presenten lles fixo ben nin mal. Un pasaporte pode ser moi útil para un emprego pero non ten valor ningún se os corazóns dos nosos descendentes latexan noutro ritmo xa que os que escollan loitar con nós estarán exentos de trámites administrativos, taxas e impostos.

Vexamos o novo produto do que falo. Se escribo estas liñas é porque fun neno emigrante en Montevideo e por tanto inclúome dentro do grupo dos creadores. Estou a reflexionar desde os meus poucos coñecementos filosóficos pero seguindo as liñas ético-sentimentais que saen das conversas mantidas con don Marcelino de Alqueidón [Brión-A Coruña]. O meu amigo é un home sabio, culto e fondamente reflexivo. Actúa e pensa. Non esquece os seus anos fóra. A súa experiencia migratoira aínda que curta foi suficiente para facer del outra persoa ben diferente daquela que un día colleu rumbo a Caracas. Os que non saiban identificar o novo produto recoméndolles unha sesión con don Marcelino na cafetería compostelá “Maycar”. A súa proximidade e xenerosidade semellan saídas do antigo e revitalizador manancial do Tremo.

Dixen que os emigrantes son creadores da Neomorriña, un pensamento que se basea na tradicional saudade que tan ben estudou o egrexio filósofo de Láncara, Ramón Piñeiro. A vida emigrante fai que naza esta unidade entre a lembranza e o presente. Os días lonxe da aldea son sempre actividade. Hai que loitar para progresar e poder deixar aos descendentes unha vida mellor. Neste actividade cotiá os vieiros están fixados polos recordos e polo compromiso de non esquecer onde están as orixes. A neomorriña non ten nada que ver coas bágoas senón máis ben coas veas vivificantes da memoria. A lembranza da festa parroquial é motivo de alegría e non de pena. Agora todos os días son unha festa porque sempre hai un bo molete na mesa.

Se falei de acción e de sentimento foi a xeito de limiar para intrucirme no Espazo Emigrante. Se os nosos irmáns na diáspora foron quen de manter a súa identidade digo eu que non será nada complicado desde a Xunta de Galicia a concreción dun lugar para memoria emigrante. A miña proposta de aproveitamento do monte Gaiás e algún dos edificios da Cidade da Cultura non é o descubrimento da pólvora pero abre un camiño para o diálogo. Sei que hai outros lugares. Eu mesmo en 1992 falaba das posibles localizacións do Museo da Emigración Galega nos portos da Coruña ou de Vigo e tamén de Santiago de Compostela pola súa centralidade. O fondo do asunto non está no lugar escollido senón na decisión de que Galicia teña un sitio específico para o encontro emigrante.

Quero pedir e pido, na miña condición de neno emigrante montevideano, que o señor presidente Núñez Feijóo faga posible que os herdeiros do esforzo emigrante teñan un lugar onde honrar aos seus avós. Desexo que os netos do meu prezado amigo poidan achegarse a unhas instalacións nas que informarse, formarse e camiñar polas rúas que coñeceu o seu avó na capital venezolana. Non podemos deixar que esmoreza a liña sucesoria que agromou vizosa polo mundo adiante. Os nosos carballos medran en todos os climas e continentes pero cada un deles necesita unha pouca auga fresca do vello manancial parroquial. Estou vendo a Alicia e a Suso no Espazo Emigrante. Teñen diante súa un gran panel cunha fotografía do barco que levou ao seu avó ata o porto da Guaira e síntolles dicir en voz baixiña: Graciñas, avó. A túa longa singradura rematou con saúde.

4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...