Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Pepe Mujica, o cultivador de amarantos

17:40 04/11/2009

Logo das recentes eleccións no Uruguai o director da Radio do Ceo considerou que se deben de analizar os resultados nunha Asemblea Celestial Riopratense porque aquí enriba hai moitos emigrantes interesados por todo o que acontece na terra de Xosé Artigas. Don Luís Seoane estivo buscando tres participantes en representación dos tres grandes partidos que se presentaron ás eleccións do pasado domingo 25 de outubro pero non atopou quen quixese representar aos blancolorados. Cre que os intervenientes son xente sen interese partidista que coñeceron a Banda Oriental cando era un oasis de benestar. De acordo coa orde alfabética do primeiro apelido intervirán: Manuel Canabal Fuentes, Pedro Couceiro Corral e Miguel Vázquez Valiño.

----Canabal: Pois abro o debate aínda que xa sabedes amigos que non son moito de discursos. Se miro o que fixo o goberno do doutor Tabaré Vázquez, nunha ollada rápida, non teño case nada que criticar porque debemos de centrarnos na realidade dun país que viña de gobernos desastrosos. Antes o fixeron mal os presidentes Lacalle, Sanguinetti e Batlle e non o digo por sentimento senón por información. Teño os datos da inflación e do emprego e da saúde pública de antes da chegada ao poder do Frente Amplio e en todas as cifras que se queiran mirar o país mellorou.

---Couceiro: A verdade que ninguén de nós, galeguistas e republicanos, tiñamos moita confianza nun bo goberno do Frente Amplio. Eu dixen daquela que os blancolorados lle ían facer a vida imposible e que o desgoberno arxentina ía estragar os resultados económicos. Quedei moi sorprendido polo éxito aínda que unha cousa é un médico oncólogo e outra ben distinta un chacarero ex tupamaro.

---Vázquez: Coincido en que foi unha alegría que o Frente Amplio gobernase con criterio. O país quedara sen peixes xa que os anteriores gobernos o único que fixeron ben foi roubar e roubar. Cando collían a cana era para recoller as comisións ou coimas ás que son tan afeccionados. Teño ganas de poñerme a cantar aquela canción mexicana de “rodar y rodar” facendo a substitutión correspondente por “robar y robar”. Os anos de Lacalle e Batlle… que corrupción! 

---Canabal: Estamos de acordo en que país aguantou ben a pesar de que os irmáns arxentinos están afundidos na miseria. Unha pena pero seguen apoiando aos neoperonistas-charlatáns e así lles vai. Penso que o Frente Amplio tivo un bo referente no Brasil e que foi onde aprendeu que se pode facer xustiza social con poucos cartos. O que máis me comprace é que non estiveron dálle que dálle coas vellas e caducas historias do proletariado e da loita de clases.

---Couceiro: O éxito do Frente aínda ten máis mériro, se cabe, tendo ao noso principal cliente na enfermería. Sempre fomos moi dependentes da economía arxentina. O noso mercado interior é pequeno e por tanto moi débil pero igualmente houbo recuperación do poder adquisitivo. Cando hai recursos goberna calquera pero cando hai chicoria non é nada fácil. Os ministros frenteamplistas demostraron capacidade de diálogo e de acción e non se quedaron quietiños cobrando o salario senón que fixeron política positiva que é aquela que está chea de sentimento e honradez solidaria.

---Vázquez: Non sei… meus amigos… pero estou preocupado. Teño medo de que a alianza dos malandras blancolorados faga presidente ao Qki. Hai votantes que se rexen por cousas absurdas coma as de que o Pepe Mujica anda sen garavata e sempre pouco arranxado. Están machucando ---nas páxinas da súa amarela prensa--- que o Pepe é un maleducado e que non ten clase para ser presidente. Ata critican que Lucía ten que ir pola perruquería xa que vai moi mal peiteada. Espero que as críticas ao aspecto exterior non fagan que o Pepe perda as eleccións o domingo 29 de novembro.

Canabal: Pode que teñas razón Miguel. Moitas veces son as caralladas sen importancia as que definen unha elección. Quero crer que unha gran maioría de uruguaios apoirán seguir progresando aínda que o presidente teña o pelo cheo de canas e a súa barriga non sexa moi estética que digamos. Agora que se insisten tanto nestes detalles será porque consideran que desgastan ao rival. Se non poden atacar con argumentos pois atacan sen eles.

Couceiro: O que manifesta Miguel ten bastante máis miolo do que parece. Non debemos subestimar aos vellos afanancios da política uruguaia. Algo atoparon os blancolorados no aspecto de Mujica que intentan rendibilizar electoralmente. Poida que difundan a opinión clasista de que el presidente tiene que ser universitario. Están a lanazar unha mensaxe subliminal dirixida ao corazón da clase media: un esfarrapado non pode ser presidente. Coido que se equivocan porque máis de medio millón de montevideanos non poden estar cegos. A min dixéronme que Pepe cando falaba convertíase nun fermoso amaranto [Amaranthus sp] que todo o mundo sabe é unha flor que non murcha. Os meus estudos de medicina e química non me habilitan para analizar o seu panteísmo pero axiña comezarei a estudar teoloxía para determinar se ademais de artiguista é tamén priscilianista.

Vázquez: A visión panteísta resulta moi interesante. Terás que recoñecer Pedro que o teu paso polas universidades de Santiago de Compostela e Munich foi moi proveitoso. Dá gusto escoitar as túas explicacións. Ningún paspán político blancolorado sabe quen era Prisciliano e menos aínda que o amaranto é unha flor imaxinaria. A imaxe de cultivador de amarantos vai mellor coa forma de ser do candidato Mujica. Un home sensible, cheo de humilde sabedoría e que se expresa sen reviravoltas é un perigo. Os políticos tradicionais están acabados se os votantes ven nel unha flor. Hai que ocultar a realidade para convertir a Pepe nun brután brontosauro. 

Canabal: Supoño que calquera votante con dous dedos de fronte escollerá ao cultivador de amarantos e non ao prestidixitador Mago Qki. Certo que o mago tiña oficio xa que fixo desaparecer tres bancos [Pan de Azúcar, Crédito e Montevideo]; os consellos de salarios, os aforros da xente e a transparencia. Como tiña tempo libre aproveitou para facer desaparecer os dereitos adquiridos en 1870 polos emigrantes uruguaios en España. Ao mellor a elección presidencial non é unha opción ideolóxica senón un enfrontamento entre realidade e maxia. Por unha banda estarán os que gozan coas flores e pola outra os aprendices da maxia de vivir sen traballar.

Couceiro: Home, Manuel, moi bo o dos amarantos. Creo recordar que Pepe Mujica foi vendedor de flores. Espero que a cidadanía fuxa das receitas máxicas porque vén de comprobar que en cinco anos de honestidade fíxose máis que en 100 de ilusionismo. Non confiarán máis nas apócemas. Os votantes encherán de amarantos as urnas da segunda volta e ata aquí enriba chegará o arrecendo fresco dun pobo que escolle o camiño da liberdade e o progreso. Certificarán neste segundo tempo que se o salario real aumentou nun 22,9% non foi por casualidade senón que houbo unha xestión seria e responsable entre o goberno e os axentes sociais para avanzar en harmonía.

Vázquez: Quero crer que o país que nos acolleu cos brazos abertos non está disposto a repetir erros do pasado. Digo o de quero crer porque hai moito en xogo e os de sempre queren volver ao teto da vaca. Hoxe os nosos herdeiros viven nun país máis xusto. No hai dúbida ningunha para a gran maioría da poboación pero hai pequenos sectores, precisamente os que viven mellor, que están querendo saírse do carro do futuro. Pensan que se soben os de abaixo perderán eles. O triste é que moitos destes insolidarios son frentamplistas. Espero que sexan poucos os que neguen os logros e lle sigan o xogo aos tafures blancolorados. Un exemplo que coñecedes ben: agora hai 700.000 cidadáns que teñen servizo de saúde pública. Son tantas as acción positivas da patriótica fronte ampla que parece de cornudos envelenados non empurrar con ánimo e paixón para que Pepe Mujica sexa o presidente da patria grande pola loitou Artigas.

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...