Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

A fichaxe do 'gayego' Santamaría polo Madrid

11:50 25/08/2008

A imaxe xeral que se ten no Río da Prata sobre a emigración galega está chea de erros. Alí sosteñen que "los gayegos se vinieron porque se morían de hambre, ¿viste?" pero un proceso social tan longo e complexo non se pode reducir soamente ao aspecto económico. Certamente que unha ampla maioría dos que collían os baúis e maletas non nadaban na abundancia pero tampouco hai que falar dunha miseria xeralizada na que a poboación andaba polas rúas pedindo esmolas para comer.

Sendo un país de pequenos propietarios o que se di comer case que todos o facían xa que onde non tiñan unha vaquiña había un porquiño e media ducia de galiñas. O da pobreza non é certo porque senón non podería saír ninguén xa que non xuntarían o pequeno capital que nos anos trinta do século pasado eran as 350 pesetas da pasaxe en barco e en terceira clase para os portos de Bos Aires ou Montevideo.

En Galicia sucedeu exactamente ao revés. Sendo terra de minifundios podíase botar man dunha leira para vender ou hipotecar. A idea maioritaria non era a permanencia en América porque do que se trataba era de xuntar axiña cartiños para mercar uns ferrados de monte ou un herbal. Hoxe sucede o mesmo cos emigrantes africanos que veñen para Europa. Unha gran porcentaxe deles non quere vivir aquí. Teñen morriña do seu lar aínda que haxa xente que pense o contrario e queren volver cuns aforros para arranxar a súa vivenda ou mercar unhas leiras. Os euros multiplícanse na moeda local coma cando nós aforrábamos pesos arxentinos ou uruguaios.

Que non todos os emigrantes saen polos mesmos motivos é algo que comprobamos falando con calquera amigo ou familiar. Escoitaremos que Fulano marchou para Montevideo porque era un aventureiro e que Mengana foise para Bos Aires cando soubo que o seu mozo non tiña intención de casar.

Falarei de Xosé Añón Canedo un emigrante da Costa da Morte que cruzou o mar sen necesidade ningunha. Nacera na aldea do Pazo (Vilaño-A Laracha) e era fillo dos labradores máis fortes da parroquia. A súa nai era de alí e o pai de Cores. A súa familia era coñecida coma “Os Canedos”. O mozo Xosé emigra a Montevideo pero vai con cartos no peto. Nas terras uruguaias foi un grande e honrado empresario que tivo moito poder porque presidía a famosa e importante C.U.T.C.S.A. (Compañía Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima) na que sempre facía un oco para os recén chegados. Popularmente coñécese como “la Cusa de los gayegos” pola gran cantidade de chóferes e guardas que nela traballaban. Tamén foi Añón presidente do Nacional que é un dos grandes clubes do fútbol uruguaio.

Don Xosé era solidario e os dous grandes partidos políticos uruguaios, os “brancos” e os “colorados”, andaban no seu redor facéndolle as beiras para que fose candidato a deputado ou senador. Nunca aceptou ningunha oferta política. Loitou sempre e puxo moitos cartos para que o “cuadro” dos seus amores tivese unhas boas instalacións deportivas e que ademais gañase campionatos. Se a maioría dos galegos montevideanos son hoxe “bolsilludos” é mérito de Añón porque era así coma lle agradecían a axuda recibida. Facíanse siareiros do Nacional e penduraban do ómnibus o escudo correspondente. Non me custa recoñecer, a min que son do Peñarol, que foi un estupendo xestor deportivo e home de palabra.

Corresponde engadir que cando morreu ían acompañando ao féretro media ducia de galegos e pouco máis. Un deles era o meu amigo Xosé Novo Castiñeira (Pedramaior-Zas) que recorda emocionado cando a carruaxe cos restos mortais se detén diante da Asociación Española para recibir a homenaxe dos empregados mediante un milleiro de aplausos. Don Xosé nunca permitiu ningunha coima dentro de C.U.T.C.S.A. para conseguir un aumento do boleto. Por iso algúns directivos estaban desexando que se retirase para poder “arreglar la cosa con el Intendente”. Os coimeros non estiveron no enterro e non respectaron tampouco a regra ética de non seren incluídos nas listas electorais.

Quero lembrar un acontecemento do que me informou o meu amigo larachés Fidel Fernández Bello sobre a fichaxe polo Real Madrid do xogador Xosé Emilio Santamaría. O presidente que era Santiago Bernabeu envía a Montevideo a un directivo para negociar o contrato que posibilite que Santamaría xogue nas ringleiras brancas. Na capital uruguaia dínlle que Añón está en Galicia. O enviado retorna a Madrid para inmediatamente viaxar a Galicia. A sinatura do traspaso do famoso ten lugar na casa rectoral de Rodís (Cerceda) sendo o anfitrión e testemuña do acto un tío materno de Xosé Añón que era daquela o cura párroco. Quere dicir que a fichaxe do gayego Santamaría que logo foi campión de Europa fíxose sen pisar a sede madrileña do clube.

5/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...