Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O vindeiro presidente da República Oriental do Uruguai

11:25 04/12/2009

Comezo, señor vindeiro presidente da República Oriental do Uruguai, por dicirlle que quen escribe é un “gayego” de Propios e San Martín. Naquela esquina collía o 155 para achegarme ao meu lembrado liceo Rodó da rúa Colonia entre Río Branco e Convención. Alí estaba o quiosco “Bambi” , a farmacia “Posse”. As revistas mexicanas de Gene Autry e Roy Rogers trocábanse por uns poucos vinténs e as pastillas do Dr. Andreu curaban a tose nos húmidos invernos. Era unha esquina moi completa na que non faltaba o perruqueiro galego, Xesús, case ao ladiño do que fora o local do famoso banco Trasatlántico dos afanancios Peirano. Aínda que son de Peñarol miraba con admiración ao gran defensa tricolor Cococho Álvarez que vivía no Cerrito e era siareiro das pizzas e fainás daquel forno de leña do bar “Rover”.

A miña alegría de hoxe non me fai esquecer aos merdentos blancolorados que non xogaron limpo nunha campaña na que vostede foi atacado sen consideración. Estou a falar da descalificación persoal nun intento de facer que Mujica fose case coma unha especie de ignorante paisano que o único que fai é tomar mate. En vez de criticar as propostas e debater sobre o programa do Frente Amplio foron contra a persoa. Non sei pero poida que os ataques personais sexan a impotencia manifesta dos mercenarios publicitarios que non atopaban nin fenda nin oco onde poder roer. Quero dicir que o quixeron ridiculizar porque viron que non había onde rascar.

    Agora hai que mirar para adiante e vostede ten moito laburo para consolidar os avances nun novo horizonte de progreso. Un basco sustitúe a un galego. Sei, pola súa maneira de ser, que non quere ser o protagonista senón máis ben sinxelamente o compañeiro e coordinador dos esforzos que convirtan ao Frente Amplio nunha forza transformadora. Noutros tempos falábase de revolución. Hoxe non hai nada máis revolucionario que progresar en paz nuns tempos en que o neo-capitalismo sen cancelas está sendo subvencionado polos cartos públicos. Aquí poida que estea a clave do éxito frenteamplista. Arredor seu hai un partido unido que é o fiel intérprete do sentimento maioritario da poboación máis aló de quen sexa o candidato.

    O seu triunfo é un logro incríble e marabilloso. Amosa a madurez democrática da cidadanía que vota por unhas ideas e unha liña de honradez que fideliza unha marca de calidade chamada Frente Amplio. Pido permiso, señor Mujica, para facer unha comparanza con don Xosé Artigas. Xa sei que vostede dirá que a única similitude está no nome de pía pero na miña opinión hai máis semellanzas. Ao mellor estou esbardallando [en uruguaio: divagando] se digo que dentro dos fundadores do M.L.N. era vostede o máis artiguista  despois de Raúl Sendic. Non esquezo que o “Bebe” foi pioneiro ao viaxar en 1961 ao lonxano norte para defender os dereitos sociais dos cañeros [cortadores de cana de azucre] coa fundación da heroica organización sindical UTAA na vila de Bella Unión. Outros compañeiros seus eran máis urbanos e a súa inspiración viña de modelos máis lonxanos. Vostede xa me entende, verdade?

    Haberá quen se pregunte se ten algún significado o de ser hoxe artiguista. O paso do tempo fai que recordemos con luxo de detalles cousas da infancia. No meu caso vexo cada vez máis nidias as rúas do meu barrio: Carabelas, Criollos, Lancaster, Roberto Koch, Ramón Márquez. Cada unha delas vai asociada cun acontecemento: o lugar onde merquei o meu primeiro trompo, os bailes e os primeiros bicos. Na escola axiña me fixen seguidor de Artigas. Un neno emigrante desembarca en Montevideo e faise artiguista. Cando os mestres falaban do heroe patrio eu vía un valente xinete que cabalgaba contra das inxustizas polas amplas chairas. Nunca puiden aceptar que o deixasen morrer no Paraguai.


    Para moitos vostede foi un perdedor. Estivo anos no cárcere sendo salvaxemente torturado polos milicos. Sei que esquecía a dor cabalgando na beira de don Xosé coma un irmán máis daquel pobo en redota. Pensaron que vostede estaba dentro da pequena cela de formigón. O certo era que ía cos paisanos artiguistas comentando que ao noso xefe lle facía falta un poncho para pasar o inverno. Así foi que aprendeu moita xeografía descoñecida da fermosa Banda Oriental e lugares con eufónicas denominacións: Arapey, Ayuí, Batoví, Ibirapitá, Caraguatá, Yapeyú. Neste tempo de escuridade houbo moita reflexión. A súa enorme forza moral fíxoo recoñecer os erros cometidos. O cidadán que sae daquela longa noite é un home sabio, un humanista convencido de que a vinganza non é un material axeitado para construír nada.

    Ao meu entender Mujica Cordano é o presidente que necesita un país que está no bo camiño pero que debe aínda reparar vellas feridas. Houbo quen quixo ganar as eleccións coa venda nos ollos pensando en que os votos só se xuntan falando de rebaixar os impostos. Hai un desafío por diante que o meu prezado presidente arranxará botando man do seu oficio de vendedor de flores. Durante o seu vindeiro mandato non quedará crime político sen xulgar nin desaparecido sen identificar e todas e todos terán unha floriña fresca diante da súa tumba. Nun país de politiqueiros baratos temos un home ético e por tanto unha garantía de progreso en harmonía. O meu desexo é que teña moita saúde para que o seu esforzo contaxie de amor aos nosos esperanzados corazóns. 

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...