Os cidadáns que na Costa da Morte apostan polo futuro son moitos. Queren que o seu territorio progrese. Poida que se equivoquen pero o seu corazón móvese cun sangue non contaminado pola enfermidade da envexa e do localismo. Son unha grandísima maioría os que actúan así pero os pasiños son curtos e lentos. Cal é o fundamento de que media ducia de ignorantes teñan freado o desenvolvemento dunhas fermosas comarcas cheas de riquezas e por tanto de posibilidades.
Quizais aclaremos algo se lemos a transcrición dunha conversa que escoitaron e teñen gravada no seu disco pétreo os fillos da familia Penedos de Pasarela. Os máis novos da familia son os que andan coas novas tecnoloxías. Nun xantar en Casa Paco escoitaron un diálogo entre dúas persoas que estaban planificando o despregamento de armas de destrucción masiva polos montes das parroquias de Pasarela [Vimianzo] e Traba [Laxe]. Quedaron alporizados ao oír unha serie de consideracións perversas e decidiron informar ao Parlamento de Galicia.
---Home… non sei eu se haberá sitio para subir porque estamos a falar de máquinas de gran tonelaxe. Pensa que unha das macro-trades pode facer o traballo de 50 obreiros nunha hora e virán media ducia destas xigantes esnaquizadoras para facer o choio.
---Ti non tes que preocuparte porque aquí mando eu e faise o que eu digo. Se hai ir ata arriba vaise. Non quero deixar ningún penedo en pé porque son cartos que se perden. Ademais sen esas pedras no horizonte hai mellor vista do mar e pódese abrir un camiño para que as cebolas de Traba cheguen directamente á feira de Vimianzo todos os xoves do ano.
--- Ben, de acordo. Pero non esquezas que falaches de postos de traballo e con esta maquinaria non necesitamos a ningún traballador local. Nós, se nos poñemos rebentamos todo nun mes porque estamos mellor preparados que os americanos que invadiron Iraq. Onde vai parar a cousa! Por favor! Nós non temos nin negros nin sudacas conducindo material de alta precisión. Aquí onde se mete a broca morren inmediatamente máis de mil quilos dunha sustancia chamada cuarzita que é o cerne do sílice.
--- Vale, ti es o experto pero aquí chamamos as cousas polo seu nome. Son pedras e nada máis. Non veñas ti tamén con caralladas. Ata parece que falas como eses envexosos que non queren o meu progreso particular e din que os penedos son esculturas. Ata o máis burro dos meus votantes sabe distinguir entre unha pedra e unha pota de callos.
--- Non te enfades comigo. Somos socios. Temos un bo negocio na man pero ti falas moito e levantas moita poeira. Hai que controlarse. Tes que comezar a falar de sendeirismo e de patrimonio natural. A miña idea-proposta é que edites unha guía para os futuros visitantes na que mediante debuxos e fotos se recorde o pasado recente dos penedos.
--- Pero seica se che vai o sentido. Estás ti moi moderno. Non penso gastar un peso en ningún folleto. Para quen? Para catro manghantes que veñen pasear polo lugar no que antes había unha morea de pedras. Son cartos tirados. Parece mentira que ti sexas empresario!
--- Poida que teñas razón e que nesta zona de paspáns sigan confiando na túa sabia titoría. Perdoa, meu amigo. Case se me esquece que estás a piques de recibir a distinción Honoris Trangalleirus da Universidade Cazurra do Noroeste e se te premian será por algo.
--- Pero mira que es parviño, eh? O premio ese en latín que non sei o que significa non é de balde. O primeiro é xustificar méritos na destrucción da identidade; o segundo unha promoción efectiva do auto-odio e o terceiro o pagamento da taxa do fialato que está fixada en 10.000 euros. E despois aínda hai xente que di que collo dos cartos públicos para o meu peto. Ben se ve que estou investindo na miña formación e iso non hai diñeiro que o pague.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »