Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Un adeus patriótico para Antonio Pérez Prado

11:29 10/09/2009

Souben por Graciela Pereira e Carlos Penelas en dous correos case simultáneos que o benquerido mestre Antonio Pérez Prado foi achegarse ao carón dos bos e xenerosos membros da Asemblea Celestial Riopratense. O pasado luns 7 e no seu querido Centro Galego dixo adeus este egrexio fillo porteño das lucenses terras de Parga. Axiña falarei co crego pontecesán Alfonso Blanco Torrado, párroco en Guitiríz, para que o lembre nunha homilía desas que son auténticas pezas literarias.

Os que coñecemos a Pérez Prado sabemos que non é un home de oracións fúnebres porque o seu era a alegría de vivir. Hai pouco que estiven con el en Bos Aires cando tivo a xentileza de presentar o meu libro A emigración galega no tango riopratense. Aínda que daquela xa saía pouco da casa falou nas dúas presentacións, na Universidade de Belgrano e no Centro Betanzos. Se hai algo en Pérez Prado que se poida destacar por enriba de todo, para min, o máis chamativo é o seu sentido do humor.

Sabemos da súa ampla cultura, con dominio do inglés, francés e alemán, e tamén de que foi o impulsor da lei arxentina de transfusións de sangue. A súa especialidade era a hematoloxía. Nin que dicir que se podía estar escoitándoo horas comentando textos de Ferrín ou Rivas ou lembrando as mil anécdotas do seu guión para a película Castelao dirixida polo seu amigo Jorge Prelorán. Os recordos dos seus anos de médico no Centro Galego e os seus debates con Sánchez Millares  son parte inesquecible da historia da emigración. Fun na súa compaña a falar con José Gobello na Academia Porteña do Lunfardo. Unha visita na que aprendín moito. O bo de Antonio foi machucando unha por unha as palabras que o recoñecido especialista na historia do tango recolle sen considerar a súa orixe galega. Pérez Prado, sen alporizarse, estivo dúas horas machucando con argumentos para que Gobello aceptase que ademais de “lurpiar” hai ducias de galeguismo no léxico lunfardo.

Era un sabio, sen dúbida, un verdadeiro mestre que ensinaba co seu exemplo ético. Unha vez que xantei con el na “Estancia” aprendin todo o que hai que saber sobre os viños mendocinos e o seu clima e variedades. Falaba do seu humor que poida fose unha coiraza contra das trapalladas que vía na colectividade.  Agora ben, non confundamos humor con chistes lixeiros.Todos recordamos a súa loita contra dos chistes de gayegos porque iso non era humor senón menosprecio a unha colectividade que foi e segue sendo piar da sociedade riopratense.

Tiña contestación para todo e sempre con ironía ou buscándolle seu lado humano. Na súa compaña as horas pasaban moi de présa. Cando se lle pedía opinión sobre a realidade arxentina entón era media hora sen parar de rir cos seus arremedos dos acentos da poboación. Era capaz, nun minuto, de improvisar un discurso de Perón do ano 1950 e realmente alí estaba o célebre gobernante sen o cal non se entenden os acontecementos actuais da República Arxentina.

A súa vida familiar e a súa filla Aixa que vive nos Estados Unidos ían cubertos cunha capa de comprensión e humor. Sempre lle atopaba o lado bo aos distanzamentos e separacións, pero  desta vez pareceume que a botaba de menos. Non o dixo expresamente pero falou dunha maneira en que se vía que a quería ter máis preto del. Non o podo asegurar porque de súpeto cambiou o discurso para coller un libro de Seoane e facer unha serie de teorías sobre a mensaxe icónica galega e os símbolos que identifican aos nosos emigrantes.

Teño ben gardadiño un artigo seu, inédito, que me dedicou logo de ler unha nota na que lembraba as viaxes do meu pai ---ferreiro en Tines [Vimianzo]--- cando ía camiño de Camelle para mercar ferro dos barcos afundidos. Nunca a publiquei pero agora corresponde facelo a xeito de homenaxe. Nas súas liñas eruditas explica o significado da palabra “bichicome” moi utilizada na linguaxe popular montevideana. Coido que na súa casa da rúa Salta haberá que poñer unha placa recordatoria e sei que Graciela Pereira o fará encantada. Os seus amigos desta banda do mar podemos ler uns poemas perto dos montes onde espallou as cinzas dos seus pais.  Un acto sinxelo que lle gustará e o fará sorrir.

    Adeus, meu amigo.

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...