Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Máis retorno!

18:45 05/06/2010

Cando se trata de cumprir cun compromiso de identidade alí teremos sempre a voz e a man solidaria de dona Diáspora. Neste mes e logo de berrar en Santiago de Compostela o luns 17 foise voando ata a capital arxentina para celebrar o Bicentenario do país que acubillou no seu seo a máis de medio millón de emigrantes galegos. Quería estar o 25 no Teatro Colón pero non foi convidada e iso que as obras de rehabilitación foron responsabilidade dunha empresa galega. Non sentiu ningunha pena xa que recibiu un convite da súa neta Graciela para xantar unha comida especial que lle chaman locro.

Estivo pensando nun agasallo para que a neta puidese lucir no seu apartamento da rúa Santiago del Estero sen repetirse coas cerámicas de Sargadelos. Despois dunhas voltas atopou a solución nun bulbo que meteu no peto para que fose a primeira Flor de Santiago en agromar no centro de Bos Aires. Unha idea que lle pareceu perfecta porque a súa neta é ela mesma un verdecente gromo de Galicia na Arxentina. Cre que a flor se aclimatará ben á humidade porteña aínda que a súa orixe mexicana sexa nun terreo máis seco. O seu nome científico é o de “narcissus indicus jacobes” e foi admirada por Emilia Pardo Bazán e disque Thomas Jefferson a tiña no seu xardín.

A anfitrioa recíbea cunha guitarra na man para cantarlle en galego “Saudades” a xeito de cordial benvida. As bágoas escorregan polas meixelas de dona Diáspora ao lembrar ao amigo Pérez Prado que foi o autor da versión galega deste gran tango do ano 1935 do xenial dúo Cobián-Cadícamo. Graciela di que hai anos que non canta tangos porque anda un pouco desmotivada xa que leva anos agardando por unha mostra-exposición sobre os galegos no tango. Antes de ir á mesa quere que dona Diáspora escoite un tema musical chamado “Comparsa silenciosa” que lle enviaron de Montevideo. Supón que non o coñece e queda moi sorprendida cando no medio do salón se pon a bailar un candombe acompañando a voz de Ruben Rada e repetindo: “Toca que te toca, tocando van, oyen las maderas aunque no están...Toca que te toca, soñando van, cinco morenitos por la ciudad”.

No xantar a neta pode explicarlle que o locro é un guiso de millo que é orixinario do noroeste arxentino. Moi alimenticio e fácil de preparar. Hai que esmagar o millo e deixalo unha noite a remollo para logo cocer xunto cun anaco de carne de porco e de faldra de vacún. Un pouco de sal, loureiro, unha cebola, un cacho de cabaza e un porro. Hai que facelo sen présa cun lume lento e admite varias combinacións sempre que leve de base o millo. Dona Diáspora felicita á boa cociñeira quen confesa que é a primeira vez que o fai na casa porque é unha comida para compartir. Pregunta sobre a razón desta recuperación nunha cidade que sempre estivo imitando aos fogóns de París e ao mesmo tempo faise unha autocrítica ao redor da non utilización gastronómica polos galegos do millo que chegou de América.

O avó materno de Graciela, Manuel Pereira Rodríguez, nacera nas beiras do río Deza na aldea de Cotarelo na parroquia lalinense de Goiás. Era un home alegre, moi vital e foi quen lle ensinou os vellos cantares aldeáns e ducias de palabras en galego. Falaba sempre de que a súa querida Arxentina non progresará se só medra arredor da capital engadindo que o masacre dos poboadores orixinarios por un goberno constitucional non ten xustificación posible. Dona Diáspora ten na man un artigo de Mempo Giardinelli sobre os Qom [tobas] do Chaco que a ten moi apenada. Non entende que un país que abriu as súas portas e foi hospitalario con millóns de emigrantes europeos teña na miseria a unha etnia que está esmorecendo entre os quebrachos. Perdón, onde dixen quebrachos ---árbore rexa onde as haxa--- haberá que poñer soia transxénica xa que se están tronzando montes enteiros de milleiros de hectáreas para plantar un veleno que é pan para hoxe e fame para mañá. E falando do pan, os donos lexítimos dos terreos que son as comunidades aborixes morren de fame e de enfermidades. Unhas poucas liñas de Giardinelli abondan para amosar a desfeita: “Aunque el frente del hospital está recién pintado, detrás hay un basural a cielo abierto en medio de dos pabellones. Vidrios y muebles rotos, escombros, radiografías, cascotes y deshechos quirúrgicos enmarcan las salas donde los pacientes son sólo cuerpos chupados por enfermedades como la tuberculosis o el Chagas”.

Graciela escoita con fonda atención cada palabra e quere máis detalles sobre a aseveración de que “Imos camiño nun novo monte Medulio” en Galicia. Se seguimos así ---explícase dona Diáspora--- pechados no egoísmo axiña seremos unha especie en extinción que quedará reducida a vivir en centros asistenciais atendidos por especialistas enterradores que terán diante seu un monitor para vixiar cando soterrar aos derradeiros galegos. As fontes seguirán botando auga fresca pero ninguén beberá delas se a evolución demográfica se mantén en indicadores negativos. Os lobos de Vimianzo ---todos eles bos amigos meus, prezada Graciela--- ao pasar perto das aldeas baleiras irán rosmando: Meus pobriños os galeguiños que nos tiñan a nós por inimigos.

No Parlamento de Galicia creouse recentemente unha comisión para a Dinamización Xeográfica que está estudando o descenso, o envellecemento e a dispersión poboacional. O sentimento de dona Diáspora fai que Graciela se contaxie de entusiasmo e se ofreza para colaborar. O primeiro será unha carta aos membros da comisión parlamentaria para que inclúan na súa axenda de traballo un tema ao seu modo de ver moi necesario: o do retorno. Di que se os avós eran campesiños e construíron cidades enteiras ben poderán os seus netos urbanos construír un novo rural. Se antes encheron de futuro as chairas riopratenses agora serán os descendentes os responsables de anovar as pólas dos vellos carballos. Para Graciela a recuperación está nos corazóns dos nosos herdeiros do exterior xa que serán eles os que convencerán aos merlos para que inclúan o tango “Volver” no seu repertorio. Por certo que a exitosa creación de Alfredo Le Pera e Carlos Gardel non se axusta ao espírito activo do retorno da mocidade pero se a escolleu foi porque os seus autores foron dous emigrantes que se fixeron amigos en Bos Aires.

4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...