O director da Radio do Ceo convida aos emigrantes riopratenses que sexan membros numerarios da Asemblea Celestial para participar nun espazo semanal que está tendo moita audiencia. Logo das últimas eleccións, aló enriba, hai fonda preocupación polos acontecementos políticos que está a vivir Galicia. Na oportunidade os convidados son tres coñecidas figuras da diáspora en Bos Aires e Montevideo: Antón Crestar Faraldo, Segundo Pampillón Rodríguez e María Isaura Vázquez Blanco. A rolda de intervencións seguirá a orde alfabética do primeiro apelido. Luís Seoane pide que sexan concisos nas expresións e que falen sen présa para que os entendan os moitos oíntes non galegos que ten o programa.
Crestar: Xa sabedes, meus amigos, que os de Miño somos un pouco retranqueiros. Digo isto porque a verdade é que sinto que aínda non saín da miña vila camiño de Montevideo. Paréceme coma se estivese vivindo nos anos anteriores ao triste mes de xullo do ano 1936. En cada casa hai dous ou tres televisores e dous coches. En cada fogar medio galego hai máis consumo nun día que antes nun ano. Pero de súpeto descobren que dous socios chamados Anxo e Emilio van acabar con todo. Miña madriña! Que volvan os de sempre! Din que os medios de prensa influíron con mentiras pero non vexo eu que se lean tantos xornais en Galicia.
Pampillón: Non sei Antón, poida que desde aquí teñamos outra perspectiva histórica porque nós vivimos tempos moi escuros. Non parece que as motivacións dos que xubilaron ao bipartito sexan moi ideolóxicas. Teño aquí unha frase de G.B. Shaw que di que “a democracia é o proceso que garantiza que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos”. Que vos parece? Coido que vai ben para esta etapa coa dereita na Xunta de Galicia. Unha dereita, non o esquezamos, que ten os mandos en Madrid.
Vázquez: Eu de política entendo pouco pero sendo muller son máis optimista. As mulleres galegas estamos afeitas ao esforzo. Houbo anos en Bos Aires que xunto con Tacholas loitei con ánimo para axudar ao non esquecemento das raíces pero logo entendín que vale máis un poema de Rosalía que mil proclamas partidistas. Cando miro para abaixo cada vez valorizo máis aos mornos galeguistas. Estoume refirindo ao doutor Sixto Seco que era moi figurón, por certo, pero que defendía unha Galicia con identidade propia. O doutor non houbese permitido a realización da absurda enquisa aos pais. Por favor! Vaia parvada! Gastar diñeiro para preguntar quen son os nosos pais nun país onde todos sabemos de quen vimos sendo. O meu sangue é da Barrela e síntome moi orgullosa dos meus paiciños queridos.
Crestar: Dixen que non saíra de Miño porque despois de anos de vida en democracia non entendo que se queira retroceder. Hai que buscar ser mellores persoas e bos cidadáns. Os que renegan do seu non reciben votos en ningún sitio agás en Galicia. A cousa ten moito miolo e a enfermidade poida que estea no antigo auto-odio instalado nalgunha parte do cerebro. Poida que os galegos teñamos un mecanismo mental que fai de chave térmica. Sobe un pouco a calidade vida e xa corta porque senón…onde imos parar! Tamén poida que o dúo Anxo-Emilio fixese unha política infantil, é dicir, chea de boas intencións pero sen retranca ningunha.
Pampillón: Se falaba do pasado era para lembrar que foron tempos moi negativos. A min en Mos querían fusilarme e xa sabedes que sempre fun moi moderadiño. O que pasa é que a actual mocidade está máis preocupada por un lugar para facer o botellón que por un posto de traballo e non digamos polas conquistas sociais. Pero, atención, que os responsables non son eles senón uns pais que só se preocupan por ter máis esquecendo que o maior benestar posible está nunha sociedade galega harmónica. Os novos urbanícolas están acabando coa nosa cultura porque no medio rural só quedan media ducia de persoas por aldea.
Vázquez: Non vexo tan escuro o futuro de Galicia. Máis ben o contrario. Nos meus anos en Padrón falei con centos de mozas e mozos fondamente comprometidos con Galicia. Tamén comprobei que no exterior temos xente marabillosa que nos honra coa súa aposta pola língua galega. A miña amizade con Graciela Pereira, Katleen March ou Takekazu Asaka fan que me reafirme na forza lírica do noso país. Os “Airiños, airiños, aires” son máis poderosos que calquera mensaxe política. Se hai xente de fóra namorada de nós supoño que lles será tamén doado aos de dentro seren amantes e defensores do seu fermoso curruncho atlántico.
Crestar: Estou convencido que os que pasaron polas directivas de calquera centro da nosa comunidade emigrada saben que hai lambóns e desagradecidos en todas partes. A gran maioría dos directivos honrados nunca recibiron o máis mínimo recoñecemento e algúns chupíns trangalleiros son homenaxeados. Non me estou queixando porque no meu caso e cando me retirei no Patronato tíñanme sempre en consideración pero non esquezo unha traizón dun arribista que logo foi ministro da dictadura uruguaia. Non digo o seu nome porque non quero facerlle publicidade pero estou agardando a súa chegada para pedir que na Asemblea o declaren persoa non grata e teña que ir buscar acubillo ao carón do grupiño merdento que lidera Pacheco Areco.
Pampillón: Hai meu amigo Antón…se eu fora gardar todas as que me fixeron tiña que estar en todas as reunións asemblearias pedindo sancións. Case que esquecín os paus e foron moitos pero síntome ben, feliz, porque unha moza arxentina organizou un acto na miña honra. Estou falando de Gracieliña Pereira que desde a súa pequena asociación cultural“Os Gromos“ loita con entusiasmo para que non se esqueza o que nós fixemos. Ela hónrame co título de “Guieiro” que considero excesivo xa que só tivemos un ético condutor que se chamaba Alfonso Rodríguez Castelao.
Vázquez: Tamén eu tiven que esquecer pero hai cousas que doen. Nunca lle perdoei ao presidente Fraga que cando me deron a medalla Castelao quitasen da petición ao querido irmán Tacholas. Na carta, redactada por don Agustín, ían dous nomes porque formamos un equipo en Bos Aires e ademais o verdadeiro artista era el. Eu cantaba algo, dicían que era a “Raíña do Alalá”, pero Fernando era marabilloso. O doutor díxome que aos da Xunta lles pareceu moi esquerdoso e republicano o meu compañeiro. Quero crer que o presidente Fraga ---que sempre moi comigo un auténtico cabaleiro--- non tivo nada que ver no asunto e que non soubo que alguén tachou ao egrexio ourensán Fernando Iglesias. Con Gracieliña pasei tardes enteiras falando ao pé da “figueiriña que prantei” e quéroa moitísimo. Tiñamos un proxecto moi fermoso sobre Rosalía pero non puido ser. Non sei se estabades un pouco apagados e necesitabades que vos alumease pero eu, se vos son sincera, non tiña présa ningunha.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »