No limiar da edición facsimilar do Vieiros de México (1959-1968), publicada por Edicións A Nosa Terra, Margarita Ledo principiaba: “Estás tocando galego, como decisión de sermos independentes, criativos e esplendorosos”. A histórica publicación da que collemos o nome procurou unha Galiza moderna, aberta a Portugal, feita desde o exilio e a emigración para unha comunidade única de galegos no mundo. Esa foi a arela que tiveron aqueles visionarios (Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado...). É unha forma de entender Galiza, de pensar o país dun xeito moderno, ecléctico e desacomplexado. Foi a base editorial do actual Vieiros.
Manter esa liña e o noso labor informativo diario consolidounos como referente. O seguimento da crise do Prestige pode ser un exemplo paradigmático, Vieiros, espremendo ao máximo os seus limitados recursos abriu unha fenda nun contexto de forte presión censora. Esa forma de facer, aplicable a moitos máis casos, foi o espirito do que nunca desfalecemos.
Dedicámonos asimesmo a abrir o campo de xogo, demos voz a todas as sensibilidades dunha sociedade plural que compartía a arela de defender e facer avanzar o país. Nel sempre estivemos centrados, tanto editorial como formalmente, pensando o mundo desde aquí.
Vieiros optou desde os seus comezos por converterse no medio de comunicación dunha sociedade que estaba por vir, pero que un día chegaremos a ser. Camiñar cara a realidade na que nos gustaría vivir implica non deixarse controlar. A nosa radical independencia trouxo custos. Vivimos nun país cun escaso nivel de cultura democrática, cun quefacer informativo moi centrado en persoas no canto de ideas ou procesos. Informar desde esa postura independente e poñer ideas enriba da mesa provocou problemas, incomprensións e mesmo ataques desde todas as opcións ideolóxicas.
Pero tamén é xusto dicir que neste camiño gañamos moitos amigos e moitos parabéns. Aquí sempre atoparon abeiro todas aquelas persoas e entidades que buscasen un espazo aberto, plural, normalizador, independente e en galego. Sempre cremos que entre todos, sexan de quen sexan, con repecto e esforzos compartidos, é como vai avanzar o país.
Ao longo destes quince anos, o editor e todos os que aquí traballaron, especialmente os directores Daniel, Rocío, Anxo, María e Ramón, así como Roberto, o xefe de redacción, e os xornalistas que até aquí chegamos, compartimos a idea de que este medio se tiña que ir facendo en colaboración con opinadores e lectores. E así foi, mesmo contando con personalidades tan plurais, demos conseguido manter unha liña editorial clara ao longo do tempo e realizar un xornal que moito máis que dunha ou outra persoa foi un logro colectivo. Esa foi a nosa máis rendíbel aposta pola creatividade.
A maiores desta, esplendor e independencia, foi o que intentamos achegar a uns lectores que coma ti son creativos, respectuosos, ilusionados, críticos e solidarios, en definitiva, esplendorosos e independentes, e agardamos ter aberto novas rutas para que o país, algún día, tamén o sexa.
A crise que se está a vivir revela a febleza do noso sistema mediático (o que aposta polo uso normal do idioma), a pesar dos titánicos esfozos dos seus editores.
Os medios en galego viviron e viven fundamentalmente da publicidade e convenios institucionais e en moita menor medida do escaso mais valioso apoio privado. A aposta pola publicidade en galego e en medios en galego ainda non callou nas nosas empresas. A situación na prensa noutras linguas non é moi diferente, e en maior ou menor grao, o apoio das administracións é decisivo para a súa supervivencia. Pero os nosos medios son máis novos, con menos capacidade empresarial e máis febles ca outros sistemas mediáticos que acumulan décadas (cando non séculos) de experiencia ás súas costas.
Se a lingua é o principal eixo sobre o que vira a nosa identidade, o apoio aos medios que intentan que sexa unha ferramenta cotián debería ser unha cuestión estratéxica de calquera poder público, chámese este Xunta, Deputacións ou Concellos. A realidade, cando xa logo van tres décadas da nosa Autonomía, foi e é ben outra.
Nin os primeiros executivos propios, nin a longa etapa Fraga, nin o bipartito, nin aínda menos o actual Goberno amosaron interese en favorecer un espazo real para o florecemento dos medios privados en galego. Mais tamén é certo que de todos é a responsabilidade última. Non sermos quen de construír medios fortes que sexan o espello dun país máis dono e orgulloso do seu, non é máis que o reflexo no cristal da nosa realidade como sociedade.
Houbo e hai iniciativas que intentan facer normal o que é anormal. Sen dúbida o mellor exemplo son os xornais e publicacións que comparten a Asociación de Medios en Galego. Constituída en 2004, esta entidade procura consolidar un espazo comunicativo empresarial e profesionalizado na nosa lingua. Eis o pulso case heroico que seguen a manter medios imprescindíbeis como A Nosa Terra, Terra Cha Xa, A Peneira, Galicia Hoxe, O Sil, De Luns a Venres ou Tempos Novos. Tarefa de todos é soprar para que esta agra sexa cada vez máis vizosa, un alicerce fundamental para conseguir a arela de sermos un país normal.
Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.
No documento oficial distribuído polo CEBS refírense á nova entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova como ‘Caixa Breogán’.
Por fin unha boa nova para o sector cultural. Logo dun ano en branco pola negativa da Xunta a financialo, as asociacións dos diferentes sectores culturais decidiron rescatar o Culturgal.
O presidente da Xunta foi avisado previamente ''por motivos de transparencia e de lealdade institucional'', segundo apunta a institución.
Compostela convértese este domingo na peneira dun diverso e abondoso número de actos que reivindican máis autogoberno, celebran o Día de Galiza ou lle rezan ao Apóstolo.
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet alerta de que as axudas camerais ofertan "webs pouco profesionais" e "de produción masiva".
En apertada votación, o xurado elixe o tema de Sés. No podio tamén: 'Amorío no estío', 'Galician Punchi Ghaiteira' e 'A marajota'.
Admite que a decisión da Corte Internacional de Xustiza da ONU sobre este territorio "abre unha nova fase" baseada no diálogo con Serbia.
Alertan de que o executivo prima a inversión en medios de extinción sobre a propia prevención e exixen unha mellor planificación e xestión forestal.
A autovía A-56, que vertebraría o interior das provincias de Lugo e Ourense, terá que levarse a cabo nun futuro con colaboración “público-privada”.
Tamén crea unha conta de correo onde atenderá consultas e suxestións para a súa posíbel ampliación.
Nun comunicado lamentan o recorte nos premios mentres se mantén o pago dos mesmos custes por tomar parte na carreira.
Logo da declaración unilateral en febreiro de 2008 por parte dos albano-cosovares, Serbia levou o caso ao Alto Tribunal da ONU.
Confesa ademais o rapsoda de Moaña: "Non todo foi 'Xirarei', as pezas reivindicativas son as que máis me emocionan".
A Fiscal Xeral de Venezuela, Luisa Ortega Díaz, declarou que a exhumación ten como finalidade coñecer a identidade dos restos e as causas reais da morte de Simón Bolívar.
A Xunta nega por escrito calquera axuda para a organización, do xoves 5 ao sábado 7 de agosto, deste festival de música alternativa en Limodre (Fene).
O Goberno aínda non entregou o estudo de impacto ambiental. Mentres, quedan por resolver as máis de 14 mil alegacións presentadas por veciños e ecoloxistas.
Greenpeace denuncia que Alcampo, El Corte Inglés, Eroski e Lidl mercan o produto ao Grupo Albacora, implicado na pesca ilegal.