Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

O ingreso de Andrés Pazos na Asemblea Celestial da Emigración Riopratense

10:30 19/02/2010

O director da Radio do Ceo quere que o actor Andrés Pazos Pérez se incorpore axiña aos debates da Asemblea Celestial porque di que é moi necesario contar coa achega dun emigrante de Ames [A Coruña] que recibiu milleiros de aplausos riopratenses e galegos. Os compañeiros que farán a presentación son o ourensán Fernando Iglesias Sánchez [“Tacholas”] e o montevideano Xosé Fernández Seivane [“Pepe Fernández”]. A idea inicial de don Luís Seoane era que estivese tamén Maruxa Villanueva pero agora mesmo está a participar nun obradoiro teatral dirixido por María Casares.

Iglesias: Pois ben… prezado Andrés…benvido ao seo desta Asemblea Celestial que xungue en irmandade aos que aló abaixo vivimos nas beiras riopratenses. A miña noraboa. Seguín a túa carreira de éxitos que por certo é moi especial xa que fuches quizais o primeiro emigrante, actor teatral, en obter o recoñecemento no Uruguai e en Galicia. Levei unha boa sorpresa cando a prensa galega destacou o teu logrado papel coma o vello petrucio Señor Vences do Alén na oteriana peza “A Lagarada”.

Pazos: O agradecido son eu don Fernando. Para min vostede foi sempre un referente e por suposto é unha honra que me aceptedes coma membro de pleno dereito da Asemblea Celestial. Aínda recordo moi ben os seus impresionantes papeis en filmes arxentinos que puiden ver en Montevideo: Crónica de una señora [Raúl de la Torre]; El Crack [José Martínez Suárez]; La Patagonia Rebelde [Héctor Olivera]; Allá donde sopla el viento [Fernado Siro]; Días de ilusión [Fernando Ayala]; No habrá más penas ni olvidos [Héctor Olivera].

Fernández: Aínda que eu son o afeccionado neste eido do teatro supoño que se estou aquí é porque fun amigo de Andrés na capital uruguaia. Recordo que aplaudimos moitísimo a túa actuación no Pluto de Aristófanes. Foi no “Galpón” de “18” e fora na compaña de Sara, Cristina e Washington. Comentamos que a túa voz era estupenda e por certo moi galega con certa semellanza coa gorxa marabillosa do irmán Tacholas.

Pazos: Graciñas, Pepe. Eu téñote por un profesional aínda que non dedicases o teu tempo ao teatro. Cando actuabas trasmitías autenticidade. Aquel Fidalgo teu quedará gravado na historia da emigración así como tamén a túa interpretación en Mal ano de lobos de Linares Rivas. Ademais ti fuches máis máis completo ca min xa que cantabas e bailabas moi ben. Ata sei que gañaches un primeiro premio de baile de tango nun festival celebrado no Cilindro Municipal.

Iglesias: Pois eu meus amigos tampouco vivía cos ingresos artísticos senón co meu salario de cobrador social do Centro Galego. Era un choio estupendo que me permitía falar e coñecer a moitos emigrantes. Eran visitas que me levaban tempo porque antes de pagarme o recibo facíanme pasar e tomar algo e claro ao remate do día xa ía bastante cargadiño de copas de coñá “Fundador” e “Terry”  e tamén daquela boa augardente “Valleviejo”.

Pazos: Tampouco eu vivía do teatro senón do meu oficio de perruqueiro de cabaleiros nun salón de peiteados no que a miña muller Marta atendía ás seareiras femininas. Só nos últimos anos puiden vivir cos ingresos do teatro e do cine porque en Galicia os salarios son bastante máis interesantes que no Uruguai. Non me queixo, por favor, sempre houbo un mango na casa. Así puidemos quitar adiante os nosos dous fillos uruguaios que agora viven en Galicia. Son as cousas da vida que diría Castelao.

Fernández: Hai veces que penso que os galegos e os fillos somos produtos dun material especial. O inmenso “Tacholas” deixou abraiado ao fundador do Actor’s Studio, Lee Strasberg, cando en 1970 no teatro San Martín representou un monólogo da obra “El lugar donde mueren los mamíferos” del chileno Jorge Díaz. O papel de Andrés en “Whisky” fixo que unha humilde película de dous descoñecidos realizadores uruguaios reciba moitos premios. No meu caso, se me fixen galego foi porque sentín que os meus pais eran membros da máis alta nobreza da Pastoriza lucense. Os seus brasóns eran o honradez e a solidariedade  que deixaron espalladas polas rúas montevideanas.

Pazos: Non sei amigo Pepe… pero tes razón que algo diferente hai en todos nós. Sobre todo en cada fillo da emigración. Poida que a terra de Artigas teña certa parte de culpa. Os teus pais e os meus chegaron a un horizonte aberto onde os menceres eran sempre luminosos. Era xente rexa que viña de moitas tormentas e no Uruguai o sol da bandeira alumeaba con moita forza. Estaban sempre animados porque tiñan a responsabilidade de que os descendentes vivisen mellor que eles. Non traballaban para hoxe senón para mañá.

Iglesias: Certamente amigos que a emigración galega enténdese se ollamos para os vieiros da loita construtiva dun futuro para os fillos. A min cando naceu a miña Clotilde foi unha alegría que me fixo ser mellor persoa xa que había un ser que necesitaba do meu agarimo. O traballo cotiá e a xenerosidade son o mellor espello para calquera fillo e neto da emigración. Os pais galegos contan contos cando hai que contalos e berran cando hai que berrar pero logo son a referencia porque están onde teñen que estar. Os emigrantes saben que o máis importante é a formación dos fillos.

Pazos: Pois si benquerido Fernando…por aí imos achegándonos ao cerne espiritual da nosa emigración. Acabo de chegar a xa me sinto agarimado e moi agradecido porque estades apoiando o meu ingreso nesta egrexia Asemblea. Antes de nada corresponde que pida desculpas porque non poderei estar o luns primeiro de marzo en Montevideo. Sei que o presidente Mujica o entenderá. A miña intención era aplaudir con forza no Palacio Lexislativo ao novo sementador de futuro nas leiras uruguaias pero xa se sabe que o home propón e Deus dispón.

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...