Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Na Asemblea Celestial da Emigración Galega Riopratense falan de Gondomar

12:15 10/08/2009

O director da Radio do Ceo está contento porque os índices de audiencia están sendo moi bos. As enquisas que sempre fai San Pedro amosan que os espazos de debate político son os máis escoitados. A última trasmisión centrouse no transfuguismo e no caso do concello pontevedrés de Gondomar. Para intervir foron invitados tres amigos da capital uruguaia que aló embaixo sempre se levaron moi ben. Son Xoaquín Alonso Pérez [nacido en Morgadáns-Gondomar]; Fernando Pereira Caamaño [Arcade-Soutomaior] e Xosé Rosendo Fernández Seivane [de Montevideo e fillo dun zapateiro lucense da Pastoriza].

--- Alonso: A verdade é, meus amigos, que me doe moito que boten así pola brava ao alcalde electo do meu concello de Gondomar. Non sei…pero coido que hai certas normas democráticas de convivencia que non deben ser esquecidas. Os perdedores de calquera partido terán que agardar ata que haxa novas eleccións. Digo isto sen pensar no caso específico de Araúxo Quintas que estaba traballando con criterio.

--- Fernández: Pero a cousa vai por outro lado, Xoaquín. Ti coñeces ben aquelas terras porque foi onde te criaches e sabes da súa potencialidade urbanística ao ladiño de Vigo. O alcalde expulsado quería que houbese xeito no urbanismo. Quería espazos verdes e casas con terreo suficiente para os nenos xogar. Entenderás que os malandras queren cartos e para iso constrúen enriba dos ríos e das carballeiras.

--- Pereira: Xa na miña época de alcalde e xa choveu desde aquela tiven presións en Soutomaior. Un mes e outro viñan coas coimas para ver se podían construír enriba mesmo das ostras do areal de Arcade. Aínda había terreos edificables preto da ría pero hoxe non queda un metro libre do cemento. Se fose doutra maneira tería moitos cartos pero nunca tiven un peso. Hai que ser pasmón para descoñecer que aquí arriba temos pensión completa de balde.

--- Alonso: Home, Fernando, ben te coñecemos e vaia alegría cando te elixiron alcalde. A ti sempre te tivemos por un “picaflor” pero lonxe de calquera interese económico. Poida que hoxe coas mafias que hai ao mellor tiñas que fuxir da política municipal. Agora Gondomar está gobernado, é un dicir, por un grupiño organizado de capos co apoio duns larpeiros que viven do conto.

--- Fernández: Estou de acordo en que a integridade moral de Fernando é indiscutible pero ademais hai que sumarlle a súa teimosía. As mafias petarían contra unha pedra dura de roer e andaría cun fungueiro na man por se acaso. Nos temos amorosos cada un de nós fixo o que puido aló abaixo o que pasa é que agora contamos os éxitos.

--- Pereira: Sei que teño fama de moi namoradizo. Disque os vendedores somos bos chamuyadores aínda que hai moita esaxeración. Se miro para atrás sinto que fixen mal unha cousa: non dedicarlle máis tempo a miña filla Virxinia. Non era por amores que non estaba con ela senón pola colectividade que era coma un vicio. Daquela parecíame importante loitar por Galicia, vaia parvo! Cando me decatei do meu erro xa a miña nena era unha moza.

--- Alonso: Cando estamos no choio perdemos as referencias. Hai algúns que temos sorte e quedamos no rego e moi felices. Recibín paus, coma todos, pero a compaña da miña querida Peregrina foi básica para non perder o norte. Poida que todo funcionase ben porque os dous somos de Morgadáns ou mesmo polos ideais compartidos. Pero volvendo ao golpe en Gondomar quería preguntarvos se hai forma de evitar istes atropelos antidemocráticos.

--- Fernández: Home, Xoaquín! Ti es un santiño. O noso amigo Fernando é un tipo bárbaro pero hai que recoñecer que mullereiro era de abondo. Non é unha crítica pero cando xogamos con lume, podemos queimarnos. Volvendo ao asunto Gondomar, pois non sei, quizais a solución fose que os concelleiros municipais non puidesen cambiar de partido ata o remate da lexislatura. Se vas na lista “A” non podes deixar de pertencer a ela pero podes demitir e sobe o seguinte na listaxe. Outro tema é o das votacións nas que hai liberdade total para apoiar calquera iniciativa.

--- Pereira: Certo que sempre me gustaron as saias. Non sei se iso é ser mullereiro pero saín escangallado dos meus amores. Fun un fracasado ou sexa un perdedor. Na política foime mellor porque non quería bailar coa máis guapa. O tema dos vendidos e corruptos é complexo. Pódese regulamentar pero as persoas coimeras acabarán facendo a súa matufia. Os malandras non teñen partido nin relixión que os endereite. Cando o único que importa son os cartos pouco se pode facer. Fálase de listas pechadas e abertas pero non se fala dos petos. Os que pechan os seus petos aos cartos lixados nunca terán problemas. Son aqueles compañeiros e compañeiras que chegan aquí enriba coa fronte alta e os ollos limpos e cantando alegres a tradicional “Unha noite no muíño”.

4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...