Miña nai, miña naiciña,
lévame para a miña terra,
eu estou en Buenos Aires
e o meu corazón nela.
Eduardo Calvo Souto
A verdade é que me sorprendeu que o ex deputado Xosé Manuel Castelao Bragaña fose nomeado novo responsable da Fundación Galicia Emigración. Pensei que sería o novo delegado galego en Bos Aires. Uns días antes de que Núñez Feijóo asumise a presidencia da Xunta atopeime con el diante de “Zara”, na compostela praza de Galicia, e díxenlle se sería o novo xefe da delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires. O emigrante de Valga na Arxentina foi quen de manifestar con humildade que non pediría nada pero que estaría ás ordes para traballar en defensa dos dereitos dos emigrantes. Aseguroume sentirse fondamente honrado por permitírselle loitar polos emigrantes desde o seu escano parlamentario.
Hai moitos anos que o coñezo, desde que era presidente da asociación de Fillos da Estrada, e falamos moitas veces aquí e acolá. Sempre lembrarei a súa colaboración para o éxito da exposición “Galicia e América” porque axudou moito sobre todo no aspecto protocolario da inauguración. Falei con el de tango, de peronismo, de López Rega e dos nosos emigrantes. Nunca me preguntou a quen votaba e nunca falamos de temas políticos puntuais. As charlas son sempre sobre dereitos e ausencias. Sabe da miña vella teima polo Museo da Emigración Galega e de aproveitar un espazo no monte Gaiás para a instalación dun P.R.E. [Punto de Referencia Emigrante].
Aínda temos moito por facer. Seguimos lonxe de que os nosos emigrantes sexan cidadáns coma nós. Non é xusto que máis de 330.000 persoas sexan “ninguneadas” e non parece moi democrático que nas transferencias á nosa comunidade non se considere aos emigrantes galegos. Non hai que ser moi espelidos para facer unha sinxela conta que outorgue 10 euros por emigrante censado. Así con 33 millóns de euros para a diáspora habería orzamento para a aplicación efectiva da lei de Dependencia no exterior. Se falo de dez euros é porque os tempos non están para moitas alegrías.
Sei que Castelao Bragaña poñerá todo o seu esforzo patriótico para que a actuación da Fundación Galicia Emigración sexa a mellor posible e a máis rendible. A súa longa experiencia é unha garantía para o futuro. Hai que pechar e sandar a ferida dunha vez xa que son demasiados anos con “Betadine”. Coido que despois de 30 anos escribindo sobre emigración podo dicir que debemos avanzar pero para iso hai que deixarse de vendiñas [no Uruguai chámanlle “curitas”] e mollarse nunha política de Emigración. Poida que sexa don Xosé Manuel o que faga historia levando ao Pazo do Hórreo unha serie de razoadas propostas lexislativas que rematen coa secular escisión ou afastamento por mor do lugar de residencia. O Bos Aires de Castelao Bragaña e o meu Montevideo posúen centos de fermosos anaquiños trasplantados das terras de Valga e de Vimianzo. Cada anaquiño é un gromo de vizosa galeguidade para afortalar á vella avoa chamada Galicia.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »