Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Que 2009 sexa o ano da emigración galega

12:10 16/10/2008

Quizais sexa a miña formación en terras uruguaias o que me afirma nas miñas louvanzas para Francia, un país do que todos herdamos algo despois daquel histórico mes de xullo de 1789. Se dicimos que a historia da emigración é longa non podemos dicir o mesmo da vida en democracia. Os gobernos que se suceden en Madrid e nas diferentes comunidades autónomas seguen abaneando sen establecer unha política social para a diáspora. Certo é que se aprobou o Estatuto da Cidadanía Española no Exterior. É un paso positivo e progresista para que os de fóra teñan os mesmos dereitos que os de dentro. Pero hai moito sen facer como pode ser a urxente implantación do voto en urna. Case se pode afirmar que só se move ficha cando hai eleccións ou máis ben ao comprobar que o censo do exterior ---o antes chamado CERA--- sobe moitísimo.

Se falei de Francia é porque alí as propostas dun goberno son logo cumpridas polo seguinte sen que haxa ningunha discontinuidade. Aquí aínda non temos esa madurez e andamos sempre nas verzas intentando innovar e ser orixinais. Os anos pasan e aínda os emigrantes non votan na urna nin hai circunscrición electoral propia e tampouco unha mostra itinerante de calidade que amose a realidade daqueles que deixaron a súa terra. Existen boas iniciativas de carácter privado como a que recolle a traxedia dos nenos da guerra pero fallamos no conxunto e tamén na síntese. Non sei cal e o razoamento que sostén a insensatez de que non temos nin Museo nin Centro sobre a emigración galega. Hai anos cando en Francia era primeiro ministro Lionel Jospin propuxo a creación dun Centro da Memoria Histórica da Inmigración para agradecer a achega dos inmigrantes que se instalaron en Francia.

Aló por 1992 escribía sobre a necesidade patriótica dun museo da emigración galega tomando como modelo o norteamericano da illa de Ellis [New York]. Se queremos un exemplo máis próximo podemos viaxar ata París para coñecer a Cidade Nacional da Historia da Inmigración. O seu nome está indicando que o goberno francés outórgalle a máxima xerarquía en semellanza coas xa existentes cidades das ciencias e da música. As obras de mellora do antigo edificio de 10.000 metros cadrados do ano 1920 no que estaban as coleccións museísticas de África e Oceanía custaron 20 millóns de euros. Están deseñadas as liñas básicas para que o centro non sexa algo estático, só para mirar, senón aberto e dinámico. Por unha banda será un centro de conservación e salvagarda da memoria e polo outro un centro de produción e reflexión. Haberá unha exposición permanente (cronolóxica, desde a Revolución ata hoxe), exposicións temporais (a primeira sobre o proceso de colonización e descolonización e seguirá con outra sobre os estranxeiros na loita contra a ocupación nazi) e un espazo para as artes plásticas. Haberá un centro de documentación e conservación de arquivos e un departamento de eventos científicos. Quizáis un dos aspectos máis importantes para nós sexa o de que a Cidade Nacional parisina xogará o papel de cabeceira dunha rede que valorizará e apoiará aqueles proxectos que noutros lugares de Francia son testemuña da memoria da inmigración. Non se pretende a centralización na capital senón que desde alí vaian recursos para outras cidades como por exemplo para Lyon que está construíndo o seu Museo da Inmigración a medias entre o concello e a rexión de Ródano-Alpes.

En Galicia aínda non hai nada encamiñado para que a emigración teña na Cidade da Emigración Galega o seu lugar físico e sentimental de referencia. O noso país vive nos nosos descendentes e debemos ser quen de posibilitarlle a visita a un edificio no que atopen dixitalizadas as fichas coa saída dos seus avós e tamén as imaxes que recollan as ricas e variadas experiencias migratorias en Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai ou Venezuela. Axiña entraremos en campaña electoral. Son da opinión de que hai que dialogar, propoñer e presionar para que os partidos políticos introduzan no seu programa a creación dun centro ou museo da Emigración. As obras no compostelán monte Gaiás serán en parte rendibles se apostamos con convicción pola instalación dun Espazo Emigrante. Teño a absoluta certeza de que aquel goberno que leve adiante o proxecto recibirá o recoñecemento dos milleiros de herdeiros que temos espallados polo mundo. A diáspora deixará de estar na orfandade. Haberá na capital galega unha referencia identitaria na que a Xunta de Galicia terá aceso o lume do espírito que non esquece a nobre loita dos devanceiros.

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...