Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Non podemos perder deputados en Madrid

13:19 21/11/2007

Quero facer un chamamento ao sentimento patriótico para que na emigración se reflexione sobre un feito que confirma a necesidade dunha reforma urxente da actual lei electoral. O meu coñecemento da sensibilidade do mundo emigrante lévame a pedir reunións en tódolos centros galegos do mundo para abrir un debate que examine se é xusto que Galicia perda un deputado no Congreso despois das vindeiras eleccións xerais a celebrarse en marzo.

Teño a certeza de que se farán moitas xuntanzas e logo chegarán a Madrid e a Santiago de Compostela milleiros de sinaturas defendendo unha realidade que a actual lexislación non recoñece. Os emigrantes manifestarán libremente o seu pensamento sobre a existencia dunha soa Galicia. Os galegos do interior ou os do exterior somos fillos da mesma nai e por iso non podemos permitir que sendo do mesmo sangue se fagan divisións entre fillos lexítimos e ilexítimos segundo sexa o lugar de residencia.

O goberno central amosa sensibilidade diante dos problemas da emigración (outorgamento da nacionalidade aos descendentes, lei de dependencia, limpeza do CERA) pero o certo é que fai falla unha reforma da LOREX (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral) porque o voto por correo ademais de obsoleto é case que inmoral. O goberno galego quere aprobar iniciativas que rematen coas trapalladas pero necesita do consenso dos tres grupos que forman a cámara autonómica para que cheguen a Madrid avaliadas pola unanimidade dos parlamentarios.

A partir do ano 2008 se non se contabiliza aos galegos inscritos no CERA (Censo Especiald de Residentes Ausentes) Galicia terá no Congreso dos Deputados un representante menos. Perderemos un deputado pola provincia da Coruña e o total elixible quedará en 23 escanos. Lembremos que no ano 1993 eran 27 os representantes. Moitos dirán que non entenden a diminución e preguntarán pola razón que xustifique a perda de catro deputados en quince anos. A explicación para este descenso está reflectida na LOREX (art. 162) que fai un reparto de escanos sobre a poboación de dereito en cada provincia. Entran na conta os menores de 18 anos e os estranxeiros. A poboación de dereito en Galicia en relación coa porcentaxe estatal descendeu e por tanto descenden tamén os deputados asignados a cada provincia.

Poboación envellecida
Non se ten en conta o número de persoas con dereito a voto nin se considera o censo electoral que no caso de Galicia aumentou moitísimo nos últimos anos. Quedan fóra, desprezados, máis de 300.000 emigrantes galegos que tendo dereito a voto perden representantes. Cada vez hai máis censados pero teñen menos escanos asignados. En Barcelona, Madrid e Valencia aumenta a poboación de dereito porque é onde chegan máis inmigrantes. Eles suman e nós restamos. En Galicia a inmigración é escasa e ademais temos unha pirámide poboacional moi envellecida.

Coido que os emigrantes que lean estas liñas estarán decatándose de que teñen menos dereitos que os estranxeiros porque sendo cidadáns non contan no reparto de escanos. Poida que mil residentes estranxeiros (arxentinos, brasileiros, colombianos, ecuatorianos e uruguaios) na provincia de Lleida fagan que esa provincia aumente un deputado no Congreso. Polo contrario é seguro que 100.000 emigrantes inscritos no CERA e censados na provincia de A Coruña non evitarán a perda dun deputado.

A xustificación para a reforma da lei electoral é ben sinxela: mudou a realidade social. Por unha banda aumentou a inmigración e pola outra as inscricións censais dos residentes ausentes. Son dúas variables que deberán de considerar os lexisladores. Segundo indicou o senador Francisco Jorquera no Pleno da Cámara Alta [7-XI-2007] calquera sistema de cómputo alternativo ao actual elevaría o número de escanos galegos no Congreso dos Deputados. O senador nacionalista presentou a xeito de exemplo tres modelos posibles de reparto: a) un primeiro baseado no censo electoral de cada provincia ao que se lle sumaría a parte do CERA que lle correspondente (Galicia tería 28 deputados); b) un segundo que considere a poboación de dereito á que se lle suma o CERA (Galicia tería 24 deputados); c) un terceiro no que se consideraría unicamente o censo electoral de cada provincia sen o CERA (tamén serían 24 deputados).

Sei que na emigración haberá acordo unánime para rematar coa inxustiza de que por criterios xeográficos uns conten e outros non. Trátase de que 300.000 cidadáns deixen de ser un cero á esquerda. Recordade meus amigos que antes do vindeiro mes de marzo os candidatos están máis atentos e receptivos ás demandas dos seus electores. Os máis de 300.000 votantes do exterior tedes a posibilidade de que nos programas dos partidos políticos se inclúa a reforma da actual lei electoral. Quero pedirvos amigos lectores na emigración que reflexionedes e participedes desde o exterior. Sodes donos de centos de entidades galegas espalladas pola mundo nas que reunirvos en irmandade. A nosa democracia goza de boa saúde pero debemos estar sempre alerta para que non haxa pequenos catarros que se volvan crónicos por mor dos que están pisando o freo.

3,78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...