Contan os que saben que na última Asemblea Celestial Riopratense da Emigración Galega estívose falando do voto exterior nunha sesión monográfica presidida por don Xesús Canabal Fuentes. Aló enriba están moi preocupados pola imaxe de Galicia. Comproban que cada ano está máis estragada por mor da ausencia do voto en urna na diáspora. O patriarca do Amenal [O Pino] pronuncia unhas palabras previas ao debate lembrando que o asunto non é menor senón básico nun estado democrático. Di que se todos somos cidadáns pois non se entende que haxa dous sistemas electorais segundo sexa o lugar xeográfico no que se vota.
Hai convocados dous relatores que presentarán as súas opinións. Son dous bergantiñáns cunha longa experiencia na colectividade por seren rivais nas eleccións á presidencia da Casa de Galicia. Estamos a falar de Marcelino Martínez Gómez [Coristanco] e de Luís Andrade Castro [Ponteceso]. O presidente pedíralle a don Manuel Meilán Martínez que participase pero este declinou xa que entende que Marcelino defende os seus mesmos principios e ademais está un pouco mal da gorxa logo do paseíño de fin de ano polas murallas de Lugo. A rolda de intervencións é por orde alfábetica e as respectivas intervencións constarán no libro de actas do Ceo Galego.
---Andrade:
Agradezo a oportunidade señor presidente para poder limpar un pouco a miña imaxe de trampulleiro electoral. Aló abaixo fun o xefe da Casa de Galicia e gañei cantas eleccións quixen. Pero xa se sabe que outros virán que bo me farán. Antes era o demo e os meus votantes semellaban seren fillos da Santa Compaña pero de acordo coa actual lei electoral eu son un santiño e ademais un pioneiro. Penso que a Xunta debería de facerme unha homenaxe e convencerme de que escriba as miñas memorias ou polo menos un decálogo do bo xuntador de votos montevideano.
---Martínez:
Poida que teñas a oportunidade Luís pero non de limpar nada. Coido sinceramente que aínda quedarás máis atrapallado na lama. Temos que falar da nosa experiencia e de se hoxe houbo un avance democrático para que os emigrantes voten con garantías. Nos nosos tempos eu perdía sempre contra ti porque tiñas todos os resortes da institución na man e non dubidabas en utilizalos. A min o que me alporizaba era a ignorancia dos votantes que non sabían elixir entre un discurso e outro. O meu era integrador e progresista e o teu era pechado e conservador.
---Andrade:
Vexo Marcelino que segues equivocado. Que non home…que non van por aí os tiros. Pareces parvo, claro que sendo de Coristanco non me extraña. ¿Querés avivarte de una vez, che? Se fun o amo e señor da Casa de Galicia foi porque nunca falei en ningún acto electoral de ideas ou programas. Lembrarás que era de poucas palabras. O que se me ocorreu foron dúas xenialidades: a) ofrecer postos de traballo para os fillas e fillos dos que me votasen; b) ameazar aos funcionarios coa perda do traballo se gañaba a oposición. Cada vez que o penso paréceme máis eficaz o meu sistema. Non falla nunca. Por un lado recollía os votos do interese digamos que activo [obter un posto de traballo] e polo outro os votos do medo [perder o emprego].
---Martínez:
Xa me estás quentando. Se non fose porque son home de paz era para meterche unha boa patada no cu. Sabes ben que fixen defensa persoal e cunha reviravolta déixote escangallado. Pero a verdade eu non vexo ningunha xenialidade en gañar as eleccións desa maneira. Só recollías dúas clases de votos: dos chupamedias e dos cagóns. Non sei pero así eras o presidente duns votantes moi ignorantiños. Unha peniña…por favor home…quizais o parviño fuches sempre ti que te crías que te querían porque eras un bo administrador.
---Andrade:
Vexo que te picaches coa alusión ao teu concello de nacemento pero sigo pensando que os de aquela banda sonche ben palurdiños. Falas dos ignorantes que me votaban. Supoño que nas urnas cheas de votos para a miña lista “26” habería algún que sabía ler e escribir. Na democracia Marcelino todos os votos suman o mesmo. Recoñezo que pensei que me querían polo meu esforzo para que a Casa de Galicia funcionase ben.
---Martínez:
O tema era o voto en urna e nós discutindo sobre o teu mafioso sistema de captación de votos. Na cita electoral do 1º de marzo haberá novamente escándalo, Luís. Será así porque non se reformou a lei. Entón haberá recollida de sobres casa por casa e varios coñecidos nosos que levan anos aquí ao noso carón comprobarán que siguen votando. O de votar é un dicir… xa que alguén da súa familia votará por eles. Está mal, moi mal, pero o peor aínda é ver que meten dentro do sobre a papeleta dun partido que en vida eles nunca escolleron. Hai que rematar axiña coa ofensa reiterada ao mundo da diáspora galega. Síntome desprezado e protestarei diante de quen sexa para que se mude esta situación.
---Andrade:
Non sei pero coido que establecer o voto en urna é pouco patriótico. A min paréceme que o mellor é non facer cambios. Hai que manter viva a vella tradición caciquil galega. Se os meus netos votan por min, sen saír da casa, seguirán unidos con Ponteceso. Se teñen que desprazarse ata Pocitos ao consulado entón poida que se esquezan do seu avó. Comprenderás que o río Anllóns quédalle un pouco lonxe. Pero ademais coas urnas perdemos empregos. Quedarán mozas e mozos sen traballo e sen posibilidade de convalidar a súa especialidade no Uruguai. Ti sabes ben, Marcelino, que aquí non temos ningunha universidade que convalide a nosa titulación en Trangallada Electoral Autonómica.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »