Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Chegou o momento da unidade da diáspora

10:24 13/04/2009

Se queremos que os nosos herdeiros en América e en Europa manteñan a súa identidade haberá que deixar que sexan eles os que dirixan as asociacións creadas durante os pasados séculos XIX e XX. Os emigrantes que ían para as terras americanas e europeas sentiron axiña a necesidade de fundar institucións nas que acubillarse. Ao estar lonxe da parroquia había que ter un lugar no que reunirse que facía de amortecedor da morriña que sofrían. Así naceron todos os centros galegos que hoxe temos espallados polo mundo.

Houbo entidades que medraron. Houbo outras que morreron. Pero a maioría están asulagadas nun proceso de esmorecemento ao quedaren ancoradas na lembranza da festa parroquial. Quedan en pé aínda moitos locais pero poucos son os que desenvolven unha actividade dinámica. En América temos o exemplo máis claro deste longo afundimento. Hai centos de propiedades mercadas polo esforzo da diáspora pero son poucos os fogares con actividade cotiá e actualizada xestión. Non se pode negar que despois dun século ---lembremos que o Centro Galego de Montevideo naceu o 30 de agosto de 1879--- seguimos a ter presenza cando case desapareceron os dirixentes nacidos en Galicia.

Se se mantén o espírito de Galicia no exterior foi porque callou o sentimento trasmitido polos avós. As novas xeracións síntense galegas. Sen case decatarse len con total naturalidade un poema de Rosalía de Castro e comentan un partido do Celta de Vigo ao mesmo tempo que falan dun gol do Peñarol de Montevideo. Hoxe son os nosos netos os que erguerán a bandeira azul e branca nestes edificios espallados polo mundo. Hai unha riqueza que é o froito do esforzo e que non se perderá se eles collen o temón.

 Agora ben, na miña opinión non será a Xunta de Galicia desde Santiago de Compostela a que poida resucitar cadáveres por medio dun programa de axudas. O problema de fondo vai máis aló do aspecto económico xa que uns locais sen vida propia acabarán pechando as portas aínda que nós desde aquí lles paguemos os recibos da luz.Calquera observador pode constatar que hai ducias de edificios valeiros e iso fai que haxa que buscar solucións de futuro.

O novo goberno autonómico terá que mergullarse no problema sen facer ningún cálculo electoral. Non se pode considerar política de emigración ao pagamento dunhas bolsas de cemento por aquí e uns litros de pintura por acolá. Haberá que definir unhas liñas programáticas claras e unha folla de ruta para acadar o obxectivo: a dignificación da presenza emigrante galega. A maioría da diáspora aplaudirá a iniciativa e o éxito está asegurado porque verán que non estamos poñendo parches nin remendos nin repetindo os erros do pan para hoxe e fame para mañá.

O futuro será noso desque os nosos herdeiros collan a dorna chamada centro galego e a leven ao seu xeito ata un peirao seguro. A base do razoamento está en que eles sexan os mariñeiros. Son eles os que teñen que facer a singradura. A súa viaxe non é unha aventura porque non parten de cero senón que son os lexítimos propietarios dun dobre patrimonio: material e inmaterial. Todos os netos na diáspora herdan un legado que inclúe un inmoble e unha cultura.

Se somos capaces de entregarlle o temón non temos que ter motivos para o desalento porque os centros galegos terán asegurada a súa pervivencia durante un século máis. Non creo nas teses derrotistas dos que din que no censo electoral hai poucos galegos de de orixe porque para min a nosa riqueza é o sentimento. Non esquezo que o fogar galego no exterior é o edificio que acolle un centro emigrante pero a lareira non quece sen os corazóns solidarios das netas e netos da emigración.

A nosa riqueza no exterior pódese contabilizar en metros cadrados ou en sentimento ou sumando ambos. A aliaxe harmónica entre o patrimonio herdado e o sentimento farán realidade os centros galegos do século XXI. Cada neta ou neto da emigración posúe un, dous ou tres metros cadrados da institución que ergueu o seu avó. Quere dicir que son donos dun anaco de Galicia en Arxentina, Brasil, Suiza ou Uruguai. Eles son os protagonistas. Nós, desde Galicia, debemos convertirnos nunha referencia ética de apoio solidario aos seus esforzos.

O futuro da diáspora non se arranxa co envío de subvencións senón coa unidade que non é outra cousa que un aproveitamento racional dos recursos. As axudas son necesarias pero só para actividades culturais. Unha achega desde Galicia é positiva para as entidades que gozan de saúde e negativa se mantén enfermos terminais. En América os centros galegos naceron hai máis dun século e moitos deles necesitan dunha urxente adaptación á realidade actual. Son optimista e confío nas novas xeracións. Sei que construirán o seu modelo de entidade sen esquecer onde están as orixes.

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...