Poida que non haxa lugar no mundo no que se coma máis peixe que en Galicia. Pola contra e se falamos da carne de vacún non hai sitio coñecido que sexa máis consumidor dela que as dúas repúblicas irmás da Arxentina e do Uruguai. Ben...agora imos falar dunhas declaracións nas que a presidenta da República Arxentina comeza unha campaña para promocionar o consumo de peixe e en especial o da pescada [merluza] entre a poboación. Fago constar o meu apoio total ao consumo de peixe polos arxentinos que non é ningunha “boludez” senón unha sensata medida política que vai aumentar as posibilidades de recuperación dunha economía bastante deteriorada.
Un grupo musical xuvenil de Concordia [Entre Ríos] chamado “Mate Eléctrico” fala nunha das súas cancións dos “años que nos siguen maltratando como sombras”. Aquí albíscase algo do que está a suceder neste gran país. Os anos pasados pesan coma lousas enriba da cidadanía. O que foi xa non é pero o recordo crea centos de desaxustes emotivos nunha terra non afeita aos esforzos laborais. Non é necesario laburar moito porque case todos recibiron en herdanza unha casa dos avós tanos ou gayegos. Por desgracia o empurre modernizador da emigración europea quedou reducido aos espazos urbanos ao mesmo tempo que os terratenentes seguen coa mesma mentalidade que cando enviaron ao terrorista comandante Varela para fusilar traballadores na Patagonia. Haberá que ler ao antropólogo Marvin Harris para intentar achegarse aos patróns de conduta que seguen as sociedades no referente ao consumo de certos produtos básicos na súa alimentación. A súa explicación sobre as vacas sagradas na India non é aplicable ao caso arxentino pero certamente ten páxinas moi esclarecedoras sobre a carnívora especie humana.
Nunha conversa con don Xosé Neira Vilas [autor do clásico “Memorias dun neno labrego”] conteille dun debate que tivo lugar en Montevideo en 1990 entre a daquela directora xeral de Política Lingüística e o meu amigo Xosé Lama [Redondela-Pontevedra] e dono da acreditada pizzería “Saroldi”. Dona Paz Lamela non entendía a razón de que non houbese case presencia da gastronomía galega nos bares e restaurantes riopratenses. Todo eran pizzas e por ningures vía unha empanada xa fose de carne ou de peixe. O meu amigo dixo que o asunto era económico porque o tempo que leva facer unha empanada fai que sexa cara e por tanto pouco comercial. Neira Vilas díxome que en Cuba ninguén quere peixe e que os cubanos prefiren a carne de porco.
Hai explicación para todo pero o certo é que facer unha pizza é doado mentras que a empanada leva o seu tempo. O asunto vén da vella Europa pois a pizza foi unha comida de emerxencia para saír do paso: fariña, auga e un poco de tomate por enriba. A empanada en Galicia comíase nas festas xa que era mester o acendido do forno e amasar e rechear. Son dúas concepcións gastronómicas con orixes diferentes: a empanada é do norte europeo e a pizza é do mediterráneo. A pizza sae da necesidade e só se enriquece cando chega ao Río da Prata. Ten a vantaxe de ser dunha soa peza porque o certo é que as dúas partes da empanada complican a súa feitura e frean a súa expansión.
No meu barrio montevideano de Aires Puros foi a miña nai quen fixo unha boa promoción do consumo de peixe coas nais dos meus amigos. Eran dúas as señoras que necesitaban das indicacións, Aída Pérez e Elvira Dorrego xa que a terceira, Clelia Silvestrin, viñera do norte de Italia [Pordenone] onde o peixe era moi apreciado. Dona Valentina faláballes de que na súa aldea de Tines e pouco antes do San Xoán viñan as peixeiras de Laxe cunha cesta de sardiñas frescas na cabeza. Foi quen de convencelas para que probasen a pescada fervida na compaña de patacas cocidas. Sen esquecer o importante engadido dunha sinxela allada por enriba. Ata entón só comeran o peixe fritido e nunca degustaran unha empanada fose de peixe ou de raxo. Na capital uruguaia eran tempos de carne días tras día. Desde o luns e ata o venres non faltaba o churrasco na mesa. Un churrasco montevideano non é o que aquí lle chamamos churrasco senón un filete ou bistec. A carne na grella é o asado. Aínda hoxe sinto o arrecendo daqueles saborosos asados que os domingos do verán facía o meu pai no balneario de Lagomar [Departamento de Canelones].
Hai que apoiar a iniciativa da presidenta arxentina porque ademais de boa para a saúde física é boa tamén para a saúde económica do país. O consumo de peixe permitirá que se repoñan os rabaños de gando vacún que nos últimos anos baixaron moito. En 1948 o egrexio xornalista galego Ramón Suárez Picallo percorreu Chile impartindo conferencias sobre o consumo de peixe. As súas charlas incluían varias receitas de orixe galega. Con isto quero dicir que hai antecedentes de gobernos que intentaron promocionar un maior consumo de peixe. O daquela presidente era Gabriel González Videla que se implicou persoalmente para que os chilenos comesen máis peixe nun país costeiro onde a xente vivía de costas ao mar.
Os especuladores deixaron de producir carne para pasarse aos produtos que lle ofrecen maior rendibilidade ao curto prazo. Estou a falar da soia e do eucalipto. A produción de soia transxénica demandada desde o exterior é un retraso porque degrada o terreo. Sobre os eucaliptos hai centos de estudos técnicos desbotando a súa palantación porque é unha especie que estraga os terreos. Non ten sentido que se queimen os campos arxentinos para plantar árbores para pasta de papel. Hai un grupiño de señores que ademais de antipatriotas son giles porque tanto a soia coma os eucaliptos son pan para hoxe e fame para mañá. Este grupo de presión só lle interesa o seu peto e que lle baixen as taxas ás exportacións. Así non hai progreso social. Coido que se debera de escoitar as sensatas recomendacións do meu amigo Carlos Fernández Rial cando nun artigo en Diario Crítico expresa: “Profundicemos la integración regional. Defendamos nuestras empresas de los capitales especulativos. Apostemos a la producción, al consumo interno y a la revitalización del salario de los argentinos”.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »