Nestes días e logo da celebración en Bos Aires dunha xustificada protesta contra dos capadores do voto emigrante a nosa honrosa dona Diáspora está dándolle voltas ao tema da identidade galega. Sempre considerou que é galego aquel que o quere ser aínda que o lugar de nacemento estea afastado do berce de Rosalía de Castro. Nunca dubidou pero as negativas actitudes de algúns dirixentes políticos fan que se afirme nos seus principios botando man da axuda dun par de exemplos.
Está a pensar nunha muller que coñece ben e nun home que non coñece: Gladys e Benigno. Os dous comparten nacemento en terras americanas e de Gladys pode falar con máis proximidade xa que na capital arxentina ten moita familia. Sobre Benigno non pode afondar xa que por Delaware [E.U.A.] non ten amigos nin familiares. Coida que lembrando as traxectorias vitais destes dous fillos da emigración será quen de informar e formar aos insolidarios que esquecen que non hai ningún documento público ou privado que poida dar, convalidar ou quitar sentimentos.
As raíces de Gladys están divididas entre as terras pontevedresas e as ourensás. A nai que se chamaba Peregrina era de San Xurxo de Sacos [Cotobade]. Aquela boa comarca ademais de famosos gaiteiros está chea de prehistóricas pedras humanizadas. A longa vida laboral de Gladys foi o ensino da materia de Arte e a súa paixón é Galicia. Hai pouquiño que deixou as aulas pero non ten case tempo libre pois cando non está debuxando ou pintando é porque ten fíos na man. Do seu tear sae unha e outra peza porque as súas mans están sempre en harmónico movemento creativo. As súas exposicións teñen éxito sexan sobre historia arxentina ou galega xa que todos recoñecen que é unha artista dobre: con moita técnica e moito corazón.
Dona Diáspora sabe perfectamente de onde herdou Gladys a súa afección polas pedras. Hai uns días observou que recollía pedriñas nos arredores dos faros de Fisterra e Touriñán.Tamén se decatou de que diante da casa de dona Pedra da Arca [Baíñas-Vimianzo] quedou sen fala cando sentiu que aqueles megalíticos esteos latexaban ao seu mesmo ritmo. Os actos desta neta emigrante son indicadores nos que se detecta sen necesidade de ningunha proba específica de que é portadora do xene da Pedra do Lombo da Costa que se atopa en San Xurxo de Sacos. Neste petróglifo está a identidade de Gladys.
Tamén é nas rochas e penedos nos que hai que buscar as raíces de Benigno aínda que naceu lonxe deles xa que seus pais emigraron aos Estados Unidos desde a parroquia de San Miguel de Presqueiras [Forcarei]. Nas beiras atlánticas de Delaware estudou química que é no First State ---foi o primeiro estado en ratificar a Constitución o 7 de decembro de 1787--- a maior industria. Os veráns en Presqueiras eran a súa maior alegría. Cando ía polo monte xunto cos amigos case sempre facían unha paradiña en Vilapouca para repousar ao abeiro duns rexos petóns desde os que se vía todo o val de San Nicolao de Ventoxo.
Dona Diáspora sabe que foi naqueles veráns cando Benigno fixo súa aquela paisaxe. Escoitouno falar en voz baixiña ---para que ninguén o oíse--- dicindo que volvería porque era un membro máis daquel fermoso espazo natural. Cumpriu porque é home de palabra e agora dirixe o pioneiro ABCR Labs que é unha empresa de alta tecnoloxía que se dedica ao silicio para compoñentes de alta tecnoloxía electrónica. Aos seus coñecementos técnicos hai que sumarlle a súa cordial amizade coas pedras da contorna que o coñecen desde neno e son as súas compañeiras de loita que o empurran con forza e lealdade.
Dona Diáspora non quere máis funerais. O que desexa é futuro e moitas alegrías coma as de Gladys e Benigno para frear aos insolidarios que se queren pechar arredor dun pasaporte. Non sabemos cal sería a resposta de Gladys con pasaporte arxentino e de Benigno con pasaporte norteamericano se algún pasmón lles di que eles non son galegos. Non sei tampouco se deixarían votar a Gladys que acaba de volveu para Bos Aires con semente de nabiza galega na maleta para plantar na súa horta do barrio porteño de Ituzaingó. Quizais non sexa unha persoa de fiar xa que recollendo grelos poida que estea facendo estraperlo do auténtico sabor galego. Dona Diáspora está pensando en convertirse en editora dunha tese sobre o voto emigrante. Terá que falar con Gladys e Benigno para que a escriban porque o título xa o ten: Entre grelos e silicio.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »