A nosa vella dona Diáspora está sendo contaxiada polos berros dos seareiros que comentan polos bares e tabernas as xogadas do equipo vermello. Aínda que por orixe as súas cores son as azuis e brancas da bandeira galega tamén leva no seu corazón outras dúas camisetas. Son as da Arxentina e do Uruguai. Cando non xogan entre eles ---aquí quere un empate--- escolle apoiar ao equipo uruguaio porque é un pequeno David no medio dos xigantes arxentino e brasileiro.
Nunca esquecerá aquelas finais no “Centenario” [1930] e no “Maracaná” [1950]. O 18 de xullo de 1930 foi a inauguración na capital uruguaia do primeiro Mundial en conmemoración do centenario da primeira Constitución que tivo o país. Na selección uruguaia foi decisiva a participación dun xogador que só tiña un brazo e que era alcumado “El Divino Manco”. Era Héctor Castro, fillo de emigrantes galegos, quen marcou o primeiro gol nun Mundial de Fútbol. O seu antebrazo dereito perdérao cando tiña 13 anos nun accidente cunha serra eléctrica.
Tamén estivo en Río de Xaneiro no partido e logo foi de copas na compaña de Obdulio Jacinto Muíños Varela. O gran capitán da celeste merece todos os recoñecementos pola súa ética forma de vida. Aquel home deixa sen palabras a 200.000 mil gorxas cando colle o balón debaixo do brazo despois do gol brasileiro na porteiría e o leva paseniñamente ata o centro do campo. A súa forza moral fíxolle facer o pase no famoso gol de Alcides Ghiggia. Dona Diáspora falará co presidente uruguaio para pedirlle que se inclúa en todos os colexios do país --en sexto curso-- unha clase sobre o triunfo humano de don Obdulio. Se ben “El Negro Jefe” era mulato tiña dous apelidos moi galegos aínda que sempre foi coñecido polo materno. No equipo de 1950, na defensa, xogaba Óscar Omar Míguez. O alcume deste fillo de galegos era “Cotorra” disque porque de neno levaba unha gorra verde. Aínda hoxe é o máximo goleador uruguaio en participacións mundialistas con oito goles pero poida que Diego Martín Forlán Corazo o supere no actual evento sudafricano.
Dona Diáspora quere aproveitar para pedirlle ao señor presidente da Xunta de Galicia que no futuro ESPAZO EMIGRANTE do monte Gaiás [Cidade da Cultura] se instalen paneis nos que se informe que Galicia xa foi catro veces campioa do mundo [dúas en cita olímpica e outras dúas en cita profesional]. O noso sangue estivo presente e moi activo nas ringleiras da selección uruguaia. Ofrece a súa colaboración xa que coñeceu a todos os xogadores de orixe galega que xogaron con Uruguai e tamén en Nacional e Peñarol. Hai que recuperar para a historia de Galicia aos fillos da diáspora que foron grandes figuras do fútbol riopratense. Os apelidos Pena, Taibo, Gestido, Pedreira, Míguez, Castro, entre outros, han ser recollidos en letras grandes en exposicións que farán do Gaiás un lugar de peregrinaxe e de homenaxe.
Quere que se fale tamén da “Garra Charrúa” que será motivo dunha mostra especial. Sería fermoso que o actual presidente uruguaio, José Mujica Cordano, fose camiñando por un salón do Gaiás xunto co noso presidente na inauguración dun evento que se podería chamar “A garra charrúa é galega” ou “Das charrúas aos charrúas”. O vindeiro ano pódese convidar ao presidente Mujica para que veña a Galicia e dona Diáspora que o coñece ben, sabe que aceptará encantado. Estivo varias veces con él no Rincón del Cerro comentando historias arredor da figura do noso egrexio Prisciliano, aquel sabio panteísta que bebía dos mananciais galegos. O presidente uruguaio é home de diálogo e coñecedor da achega de Galicia ao Uruguai. Ambos presidentes poderán achegar afectos ao deterse diante dun panel titulado “As charrúas galegas déronlle nome aos charrúas da Banda Oriental”.
O anfitrión que é ourensán falará do entroido alaricano e das máscaras chamadas charrúas. O convidado uruguaio terá na súa man un exemplar de “El rico patrimonio de los Orientales” do que é autor o profesor Daniel Vidart. O egrexio antrópologo nacido na cidade de Paysandú sostén que o bautizador da etnia orixinaria dos “charrúas” foi un mariño posiblemente portugués chamado Diego García que no 1527 fixo a súa terceira viaxe ao Río da Prata desde o porto da Coruña. O noso presidente comentará que se o tal García era portugués tiña que ser do norte e coñecer o entroido de Allariz.
Cando dona Diáspora fale co presidente da Xunta lembrará que ela no ano 1527 aínda non traballaba en temas relacionados co exterior porque daquela non había emigrantes. Aínda que ten a súa teoría sobre o particular baseada en experiencias posteriores: o mariño era alaricano. Ten que ser así. Naqueles tempos non había Internet e por tanto o nome das máscaras era de uso localista. Poida que Diego García se fixese pasar por portugués por mor dunhas débedas non pagadas pero o máis seguro é que fuxise por algunha lea de amores.
Aquí temos unha fermosa historia para un cordial encontro entre Galicia e Uruguai e tamén, por certo, unha oportunidade para de encher de contido ao futuro Espazo Emigrante que antes ou despois se instalará na compostelá Cidade da Cultura. Para completar o programa do presidente uruguaio en Galicia ocórreselle a dona Diáspora facerlle unha homenaxe ao gran Alejandro Finisterre [Alejandro Campos Ramírez] por medio da celebración dunha partida de futbolín [en terras uruguaias: futbolito]. Logo do enfrontamento amigable o presidente Mujica, sorrindo, pedirá desculpas: Usted, don Alberto, tendrá que perdonarnos porque hubo un tiempo en Montevideo que un cuadrado era sinónimo de gayego. ¿Me entiende, verdad?
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »