Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Solicitan a súa supresión

Eganet tacha de "intromisión empresarial"un programa das cámaras de comercio

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet alerta de que as axudas camerais ofertan "webs pouco profesionais" e "de produción masiva".

Redacción - 11:25 23/07/2010

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) manifesta o seu desacordo coa convocatoria de axudas publicadas polos entes camerais dirixidas ás pemes para lles facilitar o acceso á internet mediante a creación da súa web e do desenvolvemento dunha plataforma para comercializar os produtos na rede.

Eganet denuncia a "competencia desleal" e a "intromisión empresarial" das cámaras, así como a "pouca profesionalidade" das webs que se lles ofertan ás pemes mediante a iniciativa Maspyme. A valoración da asociación é que "as cámaras incorren mediante o programa Maspyme nunha serie de prácticas que atentan contra as máis básicas normas éticas da actividade mercantil".

"Competencia desleal", din, porque "o programa elimina a concorrencia competitiva de empresas especializadas para o desenvolvemento do programa". E "baixa calidade dos traballos", xa que os modelos de webs "están estandarizados e non permiten o estabelecemento de vantaxes competitivas na aplicación de tecnoloxía aos procesos empresariais dos potenciais clientes".

Ademais cre que se regulan os prezos do sector, xa que "as cámaras marcan o importe do custo", e considera que se "discriminan" os seus asociados: "As empresas asociadas a Eganet teñen a obriga de pagar as cotas das cámaras de comercio mais se lles impide a participación no proxecto".

Mediante o programa de axudas Maspyme -din-, as cámaras de comercio, industria e navegación "ofertan webs por un custo moi baixo, fóra dos prezos do mercado", que compiten coas tarifas das empresas profesionalizadas, como son as asociadas a Eganet. As axudas da Cámara -postas en marcha en 2005- contribúen neste senso a "desvalorizar o negocio empresarial" dos seus asociados.

Por todo isto, Eganet solicítalles aos responsábeis das diferentes cámaras a supresión do programa ou a súa modificación para que se recolla a concorrencia competitiva e unha modificación das bases que incorpore a posibilidade da "realización de web por niveis de complexidade e con adecuación ás necesidades propias" de cada proxecto empresarial.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: