O Goberno aínda non entregou o estudo de impacto ambiental. Mentres, quedan por resolver as máis de 14 mil alegacións presentadas por veciños e ecoloxistas.
Os opositores ao proxecto de ampliación organízanse nunha plataforma que xa ten páxina no facebook
Malia a oposición veciñal e ecoloxista, ademais da dos concellos de Oleiros ou Culleredo, o ministro de Fomento, Xosé Blanco, anunciou este mércores que as obras de ampliación da pista do aeroporto coruñés de Alvedro serán licitadas este outono. Con todo, apuntou que iso dependerá de se a Xunta “cumpre o acordado” e remite en setembro a preceptiva avaliación de impacto ambiental.
O ministro subliñou no congreso que o goberno español prevé destinar preto de 120 millóns de euros (87 para a licitación das obras de ampliación da pista e outros 30 para expropiacións) e insistiu en que se a Xunta xa tivese enviado o estudo de impacto ambiental, Fomento xa tería feita a licitación.
Blanco prometeu ademais que o executivo central “seguirá traballando noutras actuacións xa en marcha na terminal de Alvedro”, da que dixo que foi “a que máis medrou en número de pasaxeiros, un 6%”. Apuntou que antes de que remate o ano estarán en servizo aparcadoiros e viais inferiores, así como a remodelación do esquema eléctrico do aeroporto.
Alegacións por resolver
O estudo de impacto ambiental que a Xunta aínda non enviou a Fomento provocou, xa o ano pasado, un importante número de queixas. O ente aeroportuario recibiu 14.034 alegacións, máis da metade (7,200) pertencentes á Asociación de Afectados pola Ampliación de Alvedro, ademais de asociacións ecoloxistas, particulares e organismos da área metropolitana. O aumento do ruído, a polución, a falta de avaliación do impacto estritamente ambiental, o aumento de tráfico dos vehículos nos accesos ou as propias expropiacións centran a meirande parte destas alegacións.