Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
A FISCAL XERAL DEFENDE O PROCESO E OBXECTIVOS DA EXHUMACIÓN

Exhuman restos de Simón Bolívar

A Fiscal Xeral de Venezuela, Luisa Ortega Díaz, declarou que a exhumación ten como finalidade coñecer a identidade dos restos e as causas reais da morte de Simón Bolívar.

Xurxo Martínez Crespo - 14:13 21/07/2010

Segundo declarou a Fiscal Xeral do Ministerio Público (MP) a apertura do sartego que contén os restos de Simón Bolívar, constitúen un feito que reafirma a protección por parte do Estado venezuelano do patrimonio da nación e da humanidade. A Fiscal engadiu que de non facerse agora o máis probábel é que os restos de Bolívar se converteran en cinzas de aquí a 5 anos, "A simple vista podíase observar que na parte superior da caixa, debuxábase a osamenta" manifestou a Fiscal Xeral Ortega Díaz.

Precisou que a Comisión Presidencial realizou dous traballos: unha pescuda histórica e outra científica, esta última foi a encargada de abrir o sarcófago, para determinar se, efectivamente, no Panteón Nacional estaban os restos de Simón Bolívar, coa intención de despexar as dúbidas dalgunhas persoas que insinuaron que os restos non correspondían a Bolívar.

A Fiscal Xeral sinalou que para determinar as posíbeis causas da morte de Bolívar, extrouxéronse tecidos óseos para practicar as experticias precisas nos laboratorios do Cuerpo de Investigaciones Científicas, Penales y Criminalísticas, do Instituto Venezolano de Investigaciones Científicas (IVIC) e do Instituto de Estudios Avanzados.

"Os laboratorios do Ministerio Público, só foron utilizados para facer a extracción das mostras dos tecidos óseos, é dicer, na nosa Institución non se vai a practicar ningunha experticia" reiterou.

A Fiscal defendeu que un tribunal penal e non civil sexa o que autorice a exhumación dos restos, explicou que o único que prevé este tipo de procedementos é o Código Orgánico Procesal Penal.

Compararán ADN de Simón Bolívar co da súa irmá María Antonia

Tres perguntas sobre Simón Bolívar terán resposta despois das análises: son realmente os restos de Simón Bolívar os que están despositados no Panteón Nacional? Morreu envelenado? Como era a súa faciana?

O informe apresentado polo vicepresidente, Elías Jaua, ao presidente Hugo Chávez,  di que o ADN obtido dos dentes de Bolívar será comparado co da súa irmá María Antonia, para comprobar a identidade dos restos.

Os científicos acreditados pola Comisión Presidencial retiraron catro mostras dentais (dúas frontais, un canino e un premolar). Dúas delas foron trasladadas ao Ministerio Público; unha, ao Instituto Venezolano de Investigaciones Científicas; e outra, ao Instituto de Estudios Avanzados.

Ademais dous dentes superiores foron retirados do cranio; iste foi sometido a unha tomografía para garantir a súa posíbel utilización en futuras investigacións e tomas de ADN”, explica o documento asinado polo vicepresidente executivo Elías Jaua.

Os estudos que se fagan nos laboratorios do Ministerio Público, o IDEA e o IVIC facilitarán identificar o patrón de ADN dos restos que poderán contrastarse co ADN doutros familiares como o caso de María Antonia Bolívar, cuxos restos están actualmente na Catedral de Caracas e serán sometidos a estudos no mes de agosto”.

O que atoparon

O informe revela que “un manto negro de damasco” envolvía o esqueleto. Había “dúas caixas de chumbo soldadas á urna, as cales contiñan po”. Os científicos tamén acharon “restos do corpo, da vestimenta, do calzado do Libertador e un sobre de chumbo que contiña un acta elaborada pola comisión encargada do traslado desde Santa Marta dos restos de Bolívar en 1842, asinada polo doutor José María Vargas e por todos os membros da comisión”.

O esqueleto, destaca, estaba “ensamblado con arames de chumbo e prata, cuberto con verniz preservativo tal e como foi traballado polo doutor José María Vargas en 1843”.

Estes son os detalles do armazón óseo: “o cranio serradura horizontalmente, as costelas por ambos os dous lados cortados con oblicuidade como para examinar o peito; os dedos anulares e a segunda falanxe de todos os outros dedos das mans, agás as dos polgares, reconstruídas con cera de moldear. Algúns ósos do metatarso e todas as dedas de ambos os dous pés reconstruídos con cera de moldear”.

A dentadura estaba “case completa, coa ausencia da derradeira moa cordal da esquerda da queixada superior, sobre a que o doutor José María Vargas explica que foi vista xunto aos restos pero que en 1843 xa non se achaba con eles. Todas as articulacións ou adaptacións dos ósos do carpo, metacarpo e tarso reconstruído con cera de moldear polo doutor Vargas”.

A equipa de científicos, ademais de medir e describir os ósos, escaneou algúns “coa idea de verificar posteriormente dados coma a talla e o sexo”.

Igualmente tomáronse mostras de tecido óseo: “Dúas cuñas do cabeza humeral dereito, parte do cranio a que non se lle fixo tomografía nin radioloxía para avaliar o ADN, unha mostra do quinto arco bustal do lado esquerdo, unha costela, para investigar unha posíbel infección por tuberculose por medio de dúas tecnoloxías distintas, un fragmento dunha falanxe da man esquerda para o ADN, unha mostra do coxal esquerdo da cara anterior onde se observou unha lesión, posibelmente por secuela de tuberculose. Esta mostra será avaliada polos patólogos; unha mostra tomada da cuarta vértebra dorsal que tamén parecía ter unha lesión posibelmente por tuberculose para os estudos correspondentes, un fragmento de cuña do mesmo coxal esquerdo da cara anterior”.


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: