Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDITORIAL

Un país normal

A crise que se está a vivir revela a febleza do noso sistema mediático (o que aposta polo uso normal do idioma), a pesar dos titánicos esfozos dos seus editores.

Os medios en galego viviron e viven fundamentalmente da publicidade e convenios institucionais e en moita menor medida do escaso mais valioso apoio privado. A aposta pola publicidade en galego e en medios en galego ainda non callou nas nosas empresas. A situación na prensa noutras linguas non é moi diferente, e en maior ou menor grao, o apoio das administracións é decisivo para a súa supervivencia. Pero os nosos medios son máis novos, con menos capacidade empresarial e máis febles ca outros sistemas mediáticos que acumulan décadas (cando non séculos) de experiencia ás súas costas.

Se a lingua é o principal eixo sobre o que vira a nosa identidade, o apoio aos medios que intentan que sexa unha ferramenta cotián debería ser unha cuestión estratéxica de calquera poder público, chámese este Xunta, Deputacións ou Concellos. A realidade, cando xa logo van tres décadas da nosa Autonomía, foi e é ben outra.

Nin os primeiros executivos propios, nin a longa etapa Fraga, nin o bipartito, nin aínda menos o actual Goberno amosaron interese en favorecer un espazo real para o florecemento dos medios privados en galego. Mais tamén é certo que de todos é a responsabilidade última. Non sermos quen de construír medios fortes que sexan o espello dun país máis dono e orgulloso do seu, non é máis que o reflexo no cristal da nosa realidade como sociedade.

Houbo e hai iniciativas que intentan facer normal o que é anormal. Sen dúbida o mellor exemplo son os xornais e publicacións que comparten a Asociación de Medios en Galego. Constituída en 2004, esta entidade procura consolidar un espazo comunicativo empresarial e profesionalizado na nosa lingua. Eis o pulso case heroico que seguen a manter medios imprescindíbeis como A Nosa Terra, Terra Cha Xa, A Peneira, Galicia Hoxe, O Sil, De Luns a Venres ou Tempos Novos. Tarefa de todos é soprar para que esta agra sexa cada vez máis vizosa, un alicerce fundamental para conseguir a arela de sermos un país normal.

Vieiros - 00:00 24/07/2010
Tags:


4,89/5 (110 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: