Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
malia o bloqueo da Xunta

Regresa o Culturgal

Por fin unha boa nova para o sector cultural. Logo dun ano en branco pola negativa da Xunta a financialo, as asociacións dos diferentes sectores culturais decidiron rescatar o Culturgal.

Redacción - 20:55 23/07/2010
Tags:

Esta semana a Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Produtores Fonográficos (Agaphono), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Escena Galega asinaron os estatutos e acta de constitución da Asociación Culturgal. Desde a AGE aseguran que tanto AGAPI como EGANET se van incorporar máis tarde.

A directiva de Culturgal está formada por Xulio Amigo, como presidente representando á AGE; na vicepresidencia está Ernesto Chao por Escena Galega; como secretario e representando a Agaphono figura Cándido Meixide; e na tesourería Beatriz Sieira en representación de AGEM.

A asociación terá como misión a posta en marcha do Culturgal 2010 o vindeiro mes de decembro. Trátase dun proxecto que quere ser unha plataforma na que se integren, dinamicen e interrelacionen a pluralidade dos sectores que actúan ao redor da industria cultural galega, co ánimo de que se convirta en referencia imprescindible e obrigada, a xeito de cita anual, para todos os que queiran coñecer a oferta cultural galega.

Lembramos que o Culturgal é unha feira da que só se celebraron dúas edicións polo momento, aínda que acadando un destacable éxito de participación. A primeira tivo lugar en 2007 en Pontevedra, organizada e liderada pola Asociación de Editores; en 2008 tivo lugar na Coruña, sendo coordinada pola Consellaría de Cultura do bipartito; e en 2009 non se celebrou pola falta de apoio do novo Goberno. No seu lugar, o Concello da Coruña organizou, contando coa colaboración de moitos voluntarios, o Achegarte polas mesmas datas e no mesmo lugar (Palexco).


Ligazóns

4,9/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: