Greenpeace denuncia que Alcampo, El Corte Inglés, Eroski e Lidl mercan o produto ao Grupo Albacora, implicado na pesca ilegal.
Algúns dos principais hipermercados que operan no territorio galego mercan o seu atún envasado a unha empresa que vén de recibir a maior penalización civil imposta en Estados Unidos pola administración nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA), que ascende a cinco millóns de dólares. Así o denuncia Greenpeace, que alerta sobre as ilegalidades nas que incorre na súa actividade pesqueira o Grupo Albacora S.A, ao que xa incluíu na súa lista negra de empresas e barcos pesqueiros.
Multa histórica
Albacora S.A, que ten fábricas en Galiza en Pontecesures ou Pobra do Caramiñal, é a propietaria do buque Albacora Uno, acusado e condenado por 67 cargos por pescar durante dous anos dentro da zona económica exclusiva (ZEE) do Océano Pacífico occidental e central sen permiso. É de destacar, asemade, que este grupo recibiu 3,7 millóns de euros da Unión Europea para a construción deste buque agora implicado na pesca ilegal. Os cinco millóns de dólares cos que agora vén de ser multada adicaranse a axudar ao Fondo de Pesquerías Sustentábeis do Pacífico Occidental e a poñer en marcha plans de conservación do Pacífico.
Directamente aos hipermercados
As marcas propias de produtos de atún de algúns dos principais distribuidores e supermercados de Galiza están elaboradas pola empresa Salica Industria Alimentaria, S.A, (cunha planta en Pobra do Caramiñal),empresa que pertence ao Grupo Albacora e que se ocupa da transformación e o envasado das especies capturadas. Greenpeace denuncia así que empresas como Alcampo, El Corte Inglés, eroski e Lidl poderían estar ofrecendo aos seus clientes atún capturado de xeito ilegal.
En consecuencia, o colectivo ecoloxista pide a estas empresas que deixen de ofrecer as conservas de atún elaboradas por Salica Industria Alimentaria “até que se poida garantir que non están relacionadas coas capturas ilegais levadas a cabo polo buque Albacora Uno e que os seus produtos foron pescados de xeito sostíbel”.