A empresa Nueva Cerámica Campo, propiedade de Epifanio Campo, obtivo os permisos para baleirar, extraer arxilas e reencher a metade leste deste espazo protexido.
“Un atentado ecolóxico”. Así cualifica o Colectivo Ecoloxista do Salnés o visto e prace outorgado pola Xunta de Galiza para os traballos que sobre a Lagoa de Fianteira (Vilalonga, Sanxenxo) pretende facer a empresa Nueva Cerámica Campo. As consellarías de Industria, Medio Ambiente e Medio Rural non atoparon ningún impedimento para que esta empresa, propiedade de Epifanio Campo Fernández, irmán do ex-alcalde de Ortigueira Antonio Campo (PPdeG), poida baleirar, extraer arxilas e posteriormente “rexenerar” con recheos a metade leste da lagoa.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés, apoiado pola Federación Ecoloxista Galega e outros colectivos ambientais, xa anunciaron que emprenderán accións legais, tanto no xulgado como ante a Unión Europea, alertando destas actuacións nun espazo protexido ambientalmente: está dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove, que conta con múltiples figuras de protección como estar declarado Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA) ou incluído na rede Ramsar de humidais protexidos.
O espazo que será o escenario destes traballos é unha antiga barreira abandonada xa antes da concesión a Nueva Cerámica Campo (no ano 1993). Durante todo este tempo “foi re-colonizándose con especies do humidal protexido e, actualmente, dá alimento ou acubillo a máis de 100 especies de aves acuáticos. Asemade, é o lugar de mancada (mudanza de plumaxe) de centos de individuos de alavanco, que durante o verán pasan nesta lagoa tan delicada fase do seu ciclo vital”.
En consecuencia, os ecoloxistas denuncian a actuación da Xunta, que “permite a destrución deste rico ecosistema” e “incumpre diversas directivas europeas, leis estatais e autonómicas de protección dos espazos protexidos, da biodiversidade e das especies en perigo”.