O PSdeG acusa a Feijoo de ter enganado aos ourensáns durante a campaña ao prometerlles que o seu executivo non crearía unha nova planta.
O Goberno xa anunciou oficialmente o pasado mes de maio que construirá unha segunda incineradora de residuos no sur de Galiza. A planta terá capacidade para incinerar 250 mil toneladas de lixo cada ano e complementará á que dende hai unha década xa existe no municipio de Cerceda (con capacidade para queimar 500 mil toneladas). Porén, a Xunta segue a manter nun caixón cal será o concello elixido. O forte rexeitamento social que podería provocar a infraestrutura fai que o executivo faga os seus plans con absoluto sixilo.
Dende o PSdeG dan por feito que a provincia de Ourense será o lugar escollido, previsibelmente as comarcas máis achegadas á provincia de Pontevedra, para facilitar o transporte por estrada do lixo (O Carballiño, O Ribeiro ou Terra de Celanova). A deputada socialista Carme Gallego mostrouse radicalmente en contra da incineradora e pediulle ao Goberno que recuperase o complexo ambiental que o bipartito tiña previsto construir en Carballeda de Avia e que, segundo os socialistas, apostaba claramente pola reciclaxe.
A secretaria de organización do PSdeG de Ourense, María Quintas, criticou a Feijoo que durante a pasada campaña electoral “afirmou no Ribeiro que o PP non consideraba a instalación dunha incineradora, algo que hoxe vemos que era unha mentira máis”.
A Xunta quere que a nova incineradora comece a construirse en 2014 e que estea en funcionamento dous anos máis tarde. Por iso, dende a oposición dan por feito que o Goberno non vai anunciar cal é o concello elixido até que pasen as eleccións municipais do vindeiro mes de maio, por temor á perda de votos na comarca onde se instale a infraestrutura.