De cara ás próximas eleccións municipais, o Colectivo Ecoloxista do Salnés presenta unha serie de medidas para que sexan tidas en conta dende os gobernos locais e dende a oposición. A iniciativa quere achegar alternativas realistas para manter un axeitado nivel de vida da veciñanza sen risco para a súa saúde nin a súa paisaxe.
No blog do colectivo Salvemos Sanxenxo introdúcense, detalladas, as diversas medidas do plan. O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) pretende presentarlle aos partidos que concorran ás eleccións municipais na comarca do Salnés unha serie de medidas e actuacións medio ambientais, para seren recollidas no programa electoral e na práctica. Esta iniciativa que xa tiña un precedente nas eleccións municipais do 2003, na súa maioría, as propostas van destinadas aos diferentes concellos da comarca. Outras atinxen a organismos de ámbito administrativo máis amplo, como a Mancomunidade de municipios, e hai outras que mesmo esixen a actuación de instancias superiores.
Para o propio municipio de Sanxenxo contémplanse varias medidas concretas, a maioría enfocadas á recuperación: en primeiro lugar, a elaboración e posta en funcionamento dun plan de restauración e recuperación ambiental das lagoas de Rouxique e Fianteira. Tamén a recuperación da dinámica litoral de Baltar -Silgar- Os Barcos- Panadeira Lavapanos- Carabuxeira. Inciden sobre todo na recuperación das zonas degradadas das dunas de Baltar, e na preservación deste espazo natural. Por outra banda, pensan nunha solicitude de controis exhaustivos de contaminación de aire á empresa Cerámica Campo (adoitan usarse combustíbeis como fuel, coque e gas natural), e nun redimensionamento dos sistemas de depuración de augas residuais do municipio. Ademais, apuntan á concienciación e información: campañas de educación ambiental para hostaleiros e revalorización ambiental e turística mediante paneis informativos.
Xestión de residuos, contaminación e preservación de patrimonio
A proposta incide na xestión de residuos: o estabelecemento dun plan de recolla de residuos agrícolas, unha campaña para a redución, un plan de compostaxe de materia orgánica e un aumento do número de colectores de recollida selectiva, o que se debe complementar cunha campaña de concienciación e a creación dunha planta de trituración e reciclaxe. Tamén se propón o uso do papel reciclado en todas as dependencias dos Concellos e organismos vencellados, a eliminación ou selado de todo tipo de vertedoiros incontrolados, e a limpeza periódica de lixo nas praias, respectuosa coa duna e coa praia. Sobre a xestión das augas, propoñen a construción ou redimensionamento de depuradoras de augas residuais, plantas depuradoras, a reutilización destas augas depuradas para regar os xardíns ou outros labores, separación de augas pluviais e fecais en todos os núcleos de poboación, que se estenda a rede de sumidoiros para todo o rural habitado, e o arranxo e dotación de sumidoiros e depuradoras de pretratamento en polígonos industriais .
En canto á contaminación, esixen controis periódicos de calidade de aire nos lugares próximos a distintos puntos de emisión, así como unha vixilancia estrita dos vertidos directos ao mar e aos canles fluviais. Tamén que sexan controlados os parámetros de calidade das augas nos mananciais, ríos e mar, especialmente preto das devanditas zonas de emisión. A contaminación luminosa e acústica son tamén observadas, e propoñen un plan de control de contaminación de solos, sobre todo para os terreos dedicados á agricultura intensiva e de viñedos. Contemplan incentivos para a agricultura biolóxica e un equipo de policía local especializado en vixilancia ambiental, ademais da promoción do transporte público, e propoñen preservar a comarca contra a instalación de antenas de telefonía móbil en núcleos habitados e declarala zona antinuclear,
Outras medidas teñen que ver coa preservación da paisaxe e do patrimonio natural: campañas de concienciación, recuperación de zonas degradadas, construír e manter un centro de recuperación de fauna silvestre, sobre todo que atenda a mamíferos mariños (cetáceos, focas) e tartarugas, e solicitaren perante a administración autonómica a declaración do Complexo Intermareal Umia- O Grove como Parque Natural. Non deixan de lado as cuestións relacionadas con educación ambiental, e campañas de aforro enerxético e de auga.