A Escola Popular Galega ofrece unha palestra esta cuarta feira sobre a historia e o significado do Día da Patria, que Castelao definira desta maneira.
As orixes da celebración remóntanse a 1920, ano en que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galiza (nome utilizado daquelas) como acto de afirmación da nosa identidade colectiva. Desde entón, as manifestacións organizadas estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e da nosa identidade coma país.
Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galiza, o galeguismo concéntrase ao redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de San Domingos de Bonaval. A finais da década de 1960, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo. É en 1973 cando se comeza a utilizar o termo Día da Patria Galega, denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade.
Desde a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, case todas as organizacións políticas e unha boa parte das institucións públicas programan diversas actos para conmemoraren a data: declaracións institucionais da Xunta e do Parlamento; bandos municipais chamando a veciñanza a colocar a nosa bandeira en rúas e balcóns; ou tamén conferencias, mitins e xornadas de confraternidade que preceden ou se desenvolven o propio 25.
Por exemplo, centrada precisamente nas orixes desta data, está prevista unha palestra na Escola Popular Galega de Vigo esta cuarta feira ás 20.00 horas. Participarán na mesma Luís Gonçález Blasco Foz, militante nacionalista desde a ditadura e exiliado, e Xam Lôpes, militante nacionalista desde a chamada transición. A súa experiencia persoal servirá para entender un pouco mellor a celebración do Día da Patria, en palabras de Castelao "a festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos".