A pegada emocionante sobre o rural galego é elixida para proxectarse en 300 centros escolares. Vídeo no interior.
Cunha adicatoria ben definitoria: "A meu pai e meu tío, que sempre loitaron polo rural", pechan os títulos de crédito do proxecto dirixido polo chantadino David Vázquez. As Almas do Fental conta a historia de Xosé, un ancián que vive no lugar do Fental, aldea do interior de Galiza a piques de quedar abandonada. Un pequeno e conmovedor relato protagonizado polo actor Fernando Morán sobre a soidade das xeografías do rural galego e a soidade dos nosos maiores.
A curtametraxe foi agora elixida para un proxecto educativo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Deste xeito, proxectarase en arredor de 300 centros escolares de Galiza nunha iniciativa deseñada para prestixiar a lingua desde o eido audiovisual. As Almas do Fental fora seleccionada no seu momento como finalista para os Premios Mestre Mateo e elixida tamén para o último Festival de Cinema Pobre Humberto Solás, organizado polo Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC).