O Museo do Mar de Galicia inaugura a exposición Land's end - Terras Infindas. Pinturas, textos e audiovisuais sobre paisaxes únicas á carón do mar.
Cabo Fisterra / Flickr: RBolance
O Museo do Mar de Galicia inaugura a exposición Land's end - Terras Infindas, que concentra as sensacións vividas polo artista Matthieu Dorval e a escritora Chloé Batissou na súa viaxe polas distintas fisterras (Land´s End ou lugares onde a terra ten o seu fin) de Europa. Os cabos de Irlanda, Cornualles, Bretaña e Galicia serviron de inspiración para pintar os máis 35 cadros que agora se amosan no Museo e para escribir os textos onde se atopan as historias de pescadores, mariñeiros, labregos e diferentes persoas que viven nestas paisaxes únicas á carón do mar.
A mostra inaugurada este venres estará aberta deica o vindeiro 26 de setembro, e tamén inclúe instalacións audiovisuais que interactúan cos espazos do Museo. Unha videoproxección creada con tecnoloxía 3D por Thomas Dorval, irmán de Matthieu, axuda a comprender a viaxe do artista por esas paraxes. Acompaña ó vídeo de Dorval a música do artista sonoro Hughes Germain, que creou esta composición especialmente para a mostra.
Doutra banda, salienta tamén no miradoiro acristalado da fachada oeste do Museo o espazo reservado para a meditación denominado Recanto do solpor. Presidido por unha das obras de Matthieu e coa música de Hughes de fondo, será o lugar, especialmente ao atardecer, onde Land's End cobre todo o seu sentido coa visión do sol ocultándose cada día tras as illas Cíes.