Milleiros de persoas percorren a rota que seguiron os musulmáns bosníacos en xullo de 1995 fuxindo das forzas serbobosníacas, que asasinarían a oito mil persoas.
Unha bosníaca musulmá camiña ao carón do muro memorial do Cemiterio de Srebrenica
En Srebrenica conmemorouse este domingo o decimo quinto aniversario da matanza de miles de musulmáns, acontecida tras a conquista deste antigo enclave oriental musulmán polas tropas serbobosníacas do xeneral Ratko Mladic. Os restos de 775 vítimas identificadas daquela masacre foron sepultadas no memorial de Potocari, no máis grande enterro colectivo celebrado na honra dos mortos daquela traxedia.
Milleiros de persoas percorreron 15 anos despois a rota que os musulmáns bosníacos seguiron a través dos montes en xullo de 1995, fuxindo das forzas serbobosníacas que tomarían pouco despois o control de Srebrenica e asasinarían a máis de oito mil homes musulmáns. Neste “camiño de supervivencia” para uns, que lembraron esta fuxida desesperada que lles permitiu salvar a vida, e “camiño da morte” para outros, celebrouse o enterro segundo o rito relixioso islámico.
No acto foron colocadas ofrendas florais nun memorial que dende 2003 lembra as vítimas de Srebrenica. No acto, ademais de milleiros de bosníacos que se achegaron até a cerimonia en longas caravanas de autobuses, estiveron presentes altos cargos bosníacos e dos países veciños, representantes de Turquía, Bélxica, Francia, EUA, das institucións europeas e outras delegacións de todo o mundo.
O Parlamento Europeo proclamou o 11 de xullo como día da conmemoración do xenocidio de Srebrenica en toda a Unión Europea. A Federación Internacional de Fútbol (FIFA), pola súa parte, rexeitou a solicitude de lembrar o décimo quinto aniversario deste asasinato cun minuto de silencio na final do Mundial 2010.