Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito dos Balcáns

Karadzic afronta un cargo de xenocidio máis logo de se reformular a acusación

O ex líder serbobosnio volveuse negar a se declarar culpábel ou inocente, alegando unha suposta inmunidade prometida polos EUA.

Redacción - 19:00 03/03/2009
O xuíz Iain Bonomy

O xuíz Iain Bonomy

O ex líder serbobosnio Radovan Karadzic volveu rexeitar este martes a competencia do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) para o xulgar e negouse a se declarar culpábel ou inocente. Consecuentemente, segundo as normas da corte, o xuíz asumiu no seu nome a declaración de "non culpábel" para poder proseguir o proceso.

Karadzic volveu comparecer perante o tribunal logo de que a acusación reformulase a lista de cargos contra el, que suman un total de 11, dous de xenocidio (un máis que antes) e nove de crimes de guerra e lesa humanidade.

O ex presidente da República Srpska (unha das entidades en que se divide Bosnia) de novo alegou a suposta inmunidade que lle ofreceu co Acordo de Dayton o entón asistente do secretario de Estado de EUA durante a Administración Clinton, Richard Holbrooke, ao final da guerra de Bosnia (1992-1995).

"Este tribunal non ten dereito a me xulgar. Eu defendo un principio; que as guerras non poden acabar e os acordos de paz ser asinados mediante engano afirmou Karadzic, detido o ano pasado en Belgrado logo dunha década agochado.

Bombardeo de Sarajevo e masacre de Srebrenica
Antes de que puidese continuar coa súa alegación, o xuíz Iain Bonomy recordoulle que o obxectivo da vista se limitaba a que se pronunciase sobre os cargos. Porén, o ex líder serbobosnio reiterou a súa decisión de non declarar polas razóns que expuxera. Polo momento, descoñécese a data en que comezará o xuízo.

Entre os crimes que se lle imputan están o de asediar e bombardear Sarajevo; organizar o masacre de Srebrenica; ordenar o asasinato de líderes bosníacos e croatas; deportar civís pola súa condición nacional ou relixiosa; e destruír fogares, negocios e lugares sagrados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: