Os cidadáns decidirán nunha grande asemblea veciñal a cales das propostas presentadas destinan finalmente os fondos públicos.
Máis de mil cidadáns ferroláns rexistráronse este ano no proceso dos orzamentos participativos da cidade para 2010. En total, presentaron 1.217 propostas para investir 1,6 millóns de euros das arcas públicas na mellora de cinco barrios e catro parroquias rurais do municipio.
O Concello de Ferrol puxo en marcha esta experiencia pioneira en Galiza en 2009 cunha primeira partida inicial de 350 mil euros. Un proxecto impulsado polo grupo municipal de Esquerda Unida cando formaba parte do goberno municipal.
Este anos, os veciños decidiron centrar os investimentos nos barrios de Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña, e nas parroquias costeiras de San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle, ao considerar que precisaban máis infraestruturas sociais e redes de saneamento.
Segundo se informou desde o Concello, o 32% das propostas formuláronas os veciños de Catabois, Santa Mariña e San Xoán, mentres que as parroquias de San Xurxo e Doniños presentaron o 27%, por diante do 26% dos habitantes de Covas-Esmelle, e o 14% de Ferrol Vello-Canido.
A gran maioría das propostas están asociadas a intervencións sociais e de saúde pública, ademais de programas culturais e educativos, parques, xardíns, e seguridade cidadá.
Os cidadáns decidirán co seu voto a cales destas propostas destinan finalmente os fondos públicos nunha grande asemblea veciñal nos próximos meses, así que os proxectos se clasifiquen e puntúen polos servizos técnicos.