O goberno portugués decreta dous días de loito. O corpo do autor é levado a Lisboa onde terá lugar unha homenaxe este domingo.
"José Saramago foi o autor portugués contemporáneo mais traducido, con libros editados en todo o mundo, tendo recibido varios premios literarios e graos honoríficos, nacionais e internacionais, entre eles o premio Camões, en 1995, e o premio Nobel da Literatura, en 1998 (...) A singularidade da súa creación literaria e a súa vasta obra ennobrecen a lingua e a cultura portuguesa (...) Así, en expresión de xusta homenaxe, entende o Goberno declarar o loito nacional nos días 19 e 20 de xuño de 2010". Deste xeito o expresa o comunicado oficial do goberno portugués, logo da reunión extraordinaria do Consello de Ministros esta sexta feira.
A Fundação José Saramago confirmou que as cinzas de Saramago ficarán en Portugal por vontade expresa do escritor, desmentindo así que fosen repousar en Lanzarote, nas Illas Canarias, onde o autor vivía desde hai anos. A xeito de funeral, este domingo Lisboa será escenario da homenaxe oficial de despedida ao escritor, cuxo corpo repousará no Salón Nobre do concello lisboeta e será levado despois ao cemiterio do Alto de São João, onde será incinerado.
Por outra parte, aproveitamos para recomendarlles a cronoloxía elaborada polo diario portugués Público ao respecto dalgunhas das 'polémicas' das que foi protagonista Saramago. Entre outras, as súas declaracións sobre unha posíbel integración dos estados portugués e español ou a belixerancia contra el da xerarquía católica despois da publicación do 'Evangelho Segundo Jesus Cristo'.
Para ampliar: