O magnate dos medios de comunicación convocou esta fin de semana os seus directivos para deseñar unha nova estratexia de supervivencia ante o pulo dos novos medios.
Rupert Murdoch, principal accionista de News Corporation e un dos magnates dos medios de comunicación máis poderosos do mundo, organizou esta fin de semana un ‘conclave’ co obxectivo de reformular a estratexia do seu imperio de periódicos ante descenso das audiencias e investimento publicitario en favor dos medios dixitais.
O australiano, de ideoloxía conservadora, non é moi amigo dos novos medios dixitais. De feito, hai uns anos comentou ante a patronal de editores estadounidenses que a industria se estaba a comportar dun xeito “excesivamente compracente” ante a competencia dos xornais online. Unha das decisións máis importantes neste sentido foi a imposición de que todos os medios do seu grupo xeren beneficios nas súas divisións en internet.
Na xuntanza desta fin de semana, Murdoch e os pesos pesados dos medios do grupo estudarán o xeito de minimizar as perdas en investimento publicitario das súas publicacións tradicionais. Para asesorar os sesenta executivos desprazaranse até o rancho que o Murdoch posúe en California expertos e gurús de internet e das novas tecnoloxías, como Meg Whitman, responsábel do portal de poxas Ebay.