Vieiros

Vieiros de meu Perfil


¿ Deixarás morrer a Liberdade de Expresión en Galicia ?

Até sempre.  Hoxe, 24 de xullo de 2010 Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

Enviada por Gamela00 Gamela00 o 24/07/2010 21:45
<!-- etiqueta sen asignar aberto_alt //-->

Non me resigno a perder esta cabeceira galega na que todos e todas falamos (e mesmo aprendemos a falar) en galego das cousas que atinxen a Galicia.

Non é só unha homenaxe ao que se vai e ao traballo ben feito durante tantos anos, senon unha reflexión sobre a LIBERDADE DE EXPRESIÓN en Galicia.

Morto VIEIROS ¿que nos queda?  Medios de comunicación en mans de Grupos aos que lle importa un bledo que neste país teñamos un xeito de sentir o mundo diferente, Televisións de Galicia ordenancistas que non foron quen despois de 25 anos comendo orzamentos arreo de dar unha información veraz sobre o que acontece nesta terra, teremos que sobrevivir aos falsos debates que se ofrecen ao público a traveso da nova plataforma VOZ TV da que hoxe mesmo coñecemos que foi financiada xenerosamente polo responsable de Caixa Galicia e que agora vén de ser recompensado como merece con un alto cargo no grupo mediático?

Quédanos o capricho do empresario que quixo entrar nos médios, un día antes das eleccións, mercando o Xornal de Galicia e A Nosa Terra, para entrevistarse cun Quintana pacato no seu iate e tentar enferruxar os concursos eólicos no país? Esa non vai ser cabeceira para máis dun día... e xa o estamos a ver.

Quédanos a versión triste que adica a Galicia ese monstruo do políticamente correcto, El País, no que ás veces ata aparecen artigos de opinión que veñen traducidos dereitamente dende Madrid?

Quédanos un sin fin de cabeceiras tristemente locais coma o Faro de Vigo, Opinión Coruña, Progreso, Atlántico, Rexión, etc, etc, nos que cando escribimos algo temos a seguridade que ninguén o vai ler nin siquera para refutar as nosas opinóns nin ampliar a información nin para enlazar con ningún outro medio de difusión de noticias que pase do Padornelo.

Onte mesmo os dous partidos que teñen secuestrada a democracia en España chegaron no Congreso dos Deputados a un acordo para controlar os espazos de temática política de cara ás vindeiras eleccións locais mesmo nas televisións privadas.  Cada día secuéstrase máis a LIBERDADE DE EXPRESIÓN e hoxe, coa morte de VIEIROS, non só morre unha cabeceira máis senon que enterramos para moito tempo esa mesma liberdade no noso país.

VIEIROS nunca censurou opinón algunha nas súas páxinas, ese é un VALOR inestimábel para a democracia e a liberdade dun pobo que aínda camiña para atopar o seu lugar no mundo.  VIEIROS, facendo honor ao seu nome, abriu camiños e roteiros dignos do mellor periodismo 2.0.

¿Cántos cartos tiramos na promoción das TICs e na famosa fenda dixital?  Co orzamento que algúns (todos) gastan en cada lexislatura para montar 'congresitos' sobre novas tecnoloxías salvaríase economicamente VIEIROS e faríase xustiza cun medio de comunicación galego que leva 15 anos facendo o seu traballo coa máxima dignidade e coa máxima LIBERDADE!

Apelo aos que hoxe sentan na RAG para que lembren que unha lingua non se fai dende os Diccionarios nin cos programas CELGA nin coa reivindicación permanente nas rúas siquera... unha lingua que non se escrebe a cotío morre, e VIEIROS foi quén de invitar a escribir en galego a tódolos seus usuarios durante o seu tempo de vida.

Non deixemos que enterren a nosa lingua cotiá, viva, i en liberdade coma se fose mágoa comercial ou financieira máis ou menos sentida (outro Sargadelos non gracias!) falemos en tódolos medios ao noso alcance para que VIEIROS non morra xamáis.

Quen deixe pasar esta morte anunciada sen facer máis nada que laiarse colabora coa morte da lingua e da cultura galegas por máis que a reivindique noutros eidos ou a traveso doutras canles e foros. VIEIROS non é unha broma!

A morte dun medio de comunicación coma VIEIROS é algo máis ca morte dunha empresa, é un golpe mortal á Liberdade de Expresión dun pobo.

Hoxe é VIEIROS mañán seremos TODOS !!! 


5/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: