Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RÉQUIEM POLA XUSTIZA

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de RÉQUIEM  POLA XUSTIZA

RÉQUIEM POLA XUSTIZA

Autor: Bieyto Ribadeneyra Piñeyro
Os  obrigados a velar  e intervir como árbitros do cumprimento  da disciplina legal, terían substituído o seu inescusable papel de garantes de dereitos  fundamentais, pola de expertos dinamiteiros empeñados  en voar con explosión  controlada  a cimentación  que sustenta os  alicerces estruturais da democracia.

Enviada por ontoria1 ontoria1 o 29/06/2010 08:32

É posible que un candidato insensato confunda o marco legal  co encadre  dun pergamiño, como tamén  é probable que un asesor xurídico pense que a inobservancia forme parte dos seus labores, e indo mais lonxe poderíase dicir  que quizá os membros dunha  xunta electoral crean que a súa inhibición está exenta de responsabilidade, sendo igualmente  presumible que a responsable política dun órgano tutelante escuse a súa abstención pensando ter  patente de corso.

Cando está hipótese  puidese tomar corpo de realidade, o estado de dereito  cambalearíase  xa que os  obrigados a velar  e intervir como árbitros do cumprimento  da disciplina legal, terían substituído o seu inescusable papel de garantes de dereitos  fundamentais, pola de expertos dinamiteiros empeñados  en voar con explosión  controlada  a cimentación  que sustenta os  alicerces estruturais da democracia, e sen dúbida, nunha escenificación semellante non caberían   tolerancias,  pois suposto contrario o impasible espectador, caladamente estaría  a ser cómplice encuberto de quen  toma  por oficio suprimir a furtadelas  as inviolables páxinas que conforman o texto constitucional.

Pero ampliemos  o  vodevil da fantasía,  e imaxinemos que tras o pano deste escenario  imaxinario os actores da repartición ensaiasen unha tremoia  de descaro, inspirada nun guión licencioso cuxo contido, elevase a rango de normalidade  o luxurioso e outorgase  patente de honradez ao degradante. E figuremos  para maior atrocidade que a perversa interpretación  fose  un acto depresivo  disfrazado sibilinamente de exercicio democrático coa malsán   intención de satisfacer  intereses  impúdicos dos protagonistas.Entón nun  só acto, os  presentes seriamos testemuñas  dunha representación dual na que se mesturaría, a  crueza dramática coa  comedia burlesca, onde,  o candidato insensato lograría  a presidencia , o asesor xurídico mantería  prórroga de servizos, os membros da xunta electoral satisfarían as  aspiracións ocultas,  a responsable política do órgano tutelante reforzaría  a súa xerarquía,  mentres o  resto da  repartición de acólitos  non repararía en prestar colaboración interesada en correspondencia ao outorgamento de contrapartidas   que satisfixesen a súa enfermiza petulancia.

E para colmar o inaudito  deste ilusorio espectáculo,  incorporemos ao episodio a cara oculta da escenografía, é dicir, a  dos actores que quedaron fóra de repartición tras do pano, os  que non puideron representar a súa obra  por impedimento  da cúpula   directora  conformada polo   asesor, os xunteiros e a tutelante,  aludindo que o guión a representar  contiña  altas doses de realismo e excesos  reflexivos e por tanto víanse  forzados a establecer censura  vía inhibición, e impedir que a verdade se impuxese á tremoia.
Neste teatro ficticio, a hixiene democrática  quedouse tras bambolinas, o resto sería un  ambiente absolutista e  irrespirable, desde o noxento escenario da conspiración  pasando polo inmundo patio de butacas onde aplaudirían  a rabiar os gregarios da insolencia, até a nauseabunda platea desde cuxa localización os directos responsables presenciarían  satisfeitos a súa  trasnada  

Nesta suposta peza teatral contrariando o  imperio da racionalidade imponse o   perverso sobre o indulxente, outorgándolle forza de virtude á irreverente manipulación conspiradora, e relegando  a moralidade á condición de indecencia, pero esta excepcionalidade non sendo afortunadamente un todo  usual entra no aleatorio,  pois como avala a cantiga, -viñeron os sarracenos e moéronnos a paus, que Deus  axuda aos malos cando son máis que os bos -.

Menos mal que todo o exposto é tan só unha  xenialidade da fantasía,   un  contraste sen referente nin semellanza con feitos verídicos, por tanto  calquera parecido coa realidade  é pura casualidade   e se alguén puidese sentirse   aludido ou representado  polo seu contido debese facer exame de conciencia ou se cadra falar de transfuguismo.


4/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



RÉQUIEM  POLA XUSTIZA