Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O PXOM de Nigrán: entre o boicot e a apatía

A participación cidadá na elaboración do PXOM de Nigrán corre grave perigo e, con ela, a propia viabilidade e credibilidade dese Plan. O silenzo do Goberno Municipal, o boicot da oposición e a desconsideración do Equipo Redactor respecto aos acordos do Consello Sectorial, poñen en risco a mesma supervivencia deste órgano de participación.

Enviada por taurozen taurozen o 21/06/2010 10:39

NOTA DE PRENSA DE SALVEMOS MONTEFERRO
Salvemos Monteferro participa activamente nos traballos que o Consello Sectorial, constituído por asociacións veciñais, colectivos e organizacións políticas, ven desenvolvendo sobre as propostas que o equipo redactor do PXOM de Nigrán presentou como documentos de Inicio e de Avance.
Salvemos Monteferro considera que estes documentos foron elaborados sen un estudo rigoroso das condicións xeográficas e socio-económicas do noso concello e que as propostas realizadas adoecen de graves eivas, así como de falta de consideración coas conclusións aprobadas por ampla maioría no Consello Sectorial.
Tampouco o comportamento da Corporación Municipal nos parece o máis axeitado e ilusionante nun proceso de elaboración da estratexia urbanística de gran transcendencia para o futuro de Nigrán. Uns, boicoteando e desprezando os debates do Consello Sectorial, e os outros mantendo a boca pechada. Aquí ninguén opina nin se pronuncia. Ningún corporativo, agás unha única excepción, se digna expresar nada sobre o Nigrán que quere para o futuro.
Aínda máis, a política de boicot da oposición municipal e un certo clima de apatía arrastran a colectivos e asociacións que, nesa inercia, poden abandonar as súas responsabilidades veciñais, deixando de participar nos debates do propio Consello Sectorial.
Así as cousas, Salvemos Monteferro mantivo ata agora o seu compromiso de participación, non só para defender que Monteferro sexa un espazo natural protexido e coidado, senón para colaborar tamén na definición dun planeamento racional e sustentable para Nigrán.
No plenario do día 8 de xuño, o Consello Sectorial aprobou unha serie de cuestións para ser presentadas como suxestións ou alegacións ao Documento de Avance do PXOM. Ademais de subscribir estas, Salvemos Monteferro presentou pola súa conta outras dez alegacións que resumimos a continuación.

ALEGACIÓNS DE SALVEMOS MONTEFERRO AO DOCUMENTO DE AVANCE DO PXOM DE NIGRÁN
1. Nigrán pertence á comarca do Val Miñor, e tal realidade débese ter en conta ao redactar o Plan Xeral. Non pertence á comarca de Vigo, como se afirma no Documento de Avance, aínda que si poidamos considerar que Nigrán se sitúa na área de influencia ou hinterland desa cidade e, polo tanto, o planeamento deberá ter en conta a política de servizos comúns, coma o transporte.
2. O equipo redactor propón o deseño dun Centro Urbano. Salvemos Monteferro considera que non existe unha opción clara de centralidade no noso concello. Se o desenvolvemento urbano que se vaia prever ten a parroquia de Nigrán como escenario, parece normal que se defina aí un espazo centralizador; pero tamén as instalacións comerciais e de ocio de Porto do Molle van ser elemento de centralidade, como o son xa na actualidade outros lugares de encontro da veciñanza. Espazos da beiramar como A Ranmallosa, Praia América, Panxón ou Patos cumpren esa función e para eles deberán ser contempladas actuacións especiais. En calquera caso, Salvemos Monteferro oponse a unha hipotética deslocalización do Colexio de Vilameán “H. Juanes” como desde hai décadas se ven propoñendo para ubicar aí a gran praza ou a gran alameda de Nigrán.
3. Busca de ubicación axeitada para un Centro Cultural Multiusos, dotado de superficie suficiente para a Biblioteca e para o Arquivo Municipal, con locais para o movemento asociativo e para a mocidade.
4. Oposición á total colmatación urbana do territorio litoral. Entendemos que deberán reservarse amplos espazos verdes e arborados.
5. Protección da canle do río Muíños e dos outros ríos e regatos do concello.
6. Anulación da consideración de urbanizable para a porción de solo non desenvolvido do SAU-1 de Monteferro e aumento das medidas protectoras de Monteferro.
7. Necesidade dun estudo serio das necesidades da poboación para establecer unha previsión de vivendas a construír en Nigrán nos próximos 12 anos.
8. Aproveitamento do solo urbanizable existente e aínda por desenvolver antes de recalificar novo solo rústico como urbanizable.
9. Necesidade dun estudo económico, científico, das rendas familiares para definir as posibilidades, entre outras, de acceso á vivenda por parte dos veciños e veciñas de Nigrán.
10. A obriga non respectada da Avaliación Ambiental Estratéxica como instrumento de deseño do plan.

SalvemosMonteferro.org


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O PXOM de Nigrán: entre o boicot e a apatía