Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Primeiro mercado semanal de produtos ecolóxicos en Santiago de Compostela

Mercado entre lusco e fusco, proposta innovadora Varios colectivos e entidades promoven un mercado semanal de produtos ecolóxicos e locais. Proxecto ideado por Andaime e coorganizado coa cooperativa Eirado, conta coa colaboración de diferentes colectivos de produtores/as, como Lentura e A Hortiña da Ponte, e recibe o apoio da Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel 

Enviada por andaime andaime o 07/06/2010 17:04

MERCADO ENTRE LUSCO E FUSCO: POLO CONSUMO RESPONSÁBEL. Esta proposta consiste na organización dun mercado de serán de produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto en Santiago de Compostela. A idea naceu da necesidade de ofrecer unha alternativa real para as persoas que teñen horario de oficina, que estudan polas mañás ou que simplemente non poden acudir aos  mercados locais composteláns nos seus horarios de negocio. O que se pretende é ofrecer un espazo onde poder mercar alimentos básicos, como produtos de horta, legumes e froitas, que sexan locais e de calidade a aquelas persoas que por diversas causas se vexan abocados aos supermercados ou ás grandes superficies. A potenciación da economía local desde o punto de vista do consumo é outro dos eixos fundamentais deste proxecto. De forma paralela, integraranse no mercado actividades de divulgación do consumo responsable (obradoiros, charlas etc.) e mesmo se realizarán mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axuden a dinamizar e concienciar a un tempo.
COLABORACIÓN PRODUTORES/AS-CONSUMIDORES/AS. Podemos afirmar que este é un dos primeiros proxectos desenvolvidos entre consumidores/as e produtores/as onde se teñen en conta as necesidades e desexos de cada un dos colectivos implicados. O contacto directo entre produtor/a e consumidor/a, o estabelecemento de relacións onde a confianza mútua é importante, a ausencia de intermediarios que encarezan os produtos ou a recuperación da tradición dos mercados populares son só algúns dos atractivos que nos animaron á hora de lanzar esta iniciativa, pioneira na nosa cidade.
APOIO INSTITUCIONAL. É grazas ao interese mostrado desde o comezo pola Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel do Concello de Santiago de Compostela que poderemos contar semanalmente, a partir do día 22 de xuño, cun espazo para o mercado, accesíbel e ben comunicado con diferentes zonas da cidade.
DESENVOLVEMENTO DO MERCADO. O mercado terá carácter semanal, desenvolverase todos os martes de 19 a 22 horas nas plataformas das casas abandonadas do parque de Belvís (mapa), sendo o primeiro mercado o dia 22 de xuño. Cada tres meses o mercado convertirase nunha festa con actividades, música etc. co obxectivo de promover os produtos de temporada, é dicir, os específicos de cada estación. 


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: