Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EGANET DENUNCIA UNHA INICIATIVA QUE ATACA O SECTOR

As Cámaras fanlles competencia desleal ás empresas TIC usando fondos europeos

O Consello Superior de Cámaras de Comercio puxo en marcha o programa Camerpyme coa fin de facilitar a presenza das empresas estatais en internet. Paradoxalmente, para o acceso ás axudas de até o 60% para a elaboración da web, esixen que o traballo sexa realizado pola empresa madrileña do mesmo nome, participada ao cen por cen polas cámaras. A manobra é denunciada pola Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet, Eganet, que advirte de que este tipo de uso de fondos públicos, promovido por institucións ou administracións de calquera tipo, é competencia desleal e no canto de axudarlle á promoción da sociedade de información contribúe a obstaculizar o seu desenvolvemento.

- 13:23 23/11/2006
Tags:

"Imaxínanse vostedes se as cámaras ofreceran realizarlle gratuitamente a todas as empresas do país os seus catálogos e tarxetas de empresa e que só llo puidesen contratar a unha imprenta de Madrid. Que dirían as imprentas galegas?". Pois tal é o caso no que se encontran as empresas galegas que ofrecen servizos de construción de páxinas web.

O colectivo subliña que si é positivo que se lles dean axudas ás pemes para que teñan presencia na rede, pero denuncian o mal uso dos fondos públicos. A nivel estatal e desde que botou a andar o proxecto, calcúlase que o sector das TIC xa perdeu máis de 2.2 millóns de euros. Eganet avisa de que o sector das TIC en Galiza "non pode permitir que se lle prive deste volume de negocio usando fondos públicos que axudarían a facer máis forte o sector".

Eganet proponlles ás cámaras galegas que non colaboren cunha iniciativa que ameaza ao sector galego de empresas que se adica á realización de páxinas web e pídelles que reformulen a iniciativa do Consello Superior de Cámaras. Segundo Eganet, o lóxico sería conceder esa mesma axuda do 60% pero permitirlle ás pemes que poidan encargarlle a elaboración dos seus sitios na rede a calquera empresa, dentro dus requerimentos mínimos. Con esa fin enviáronlle a proposta ao consello de dirección das cámaras de comercio galegas, para que modifiquen a iniciativa deseñada en Madrid.


0/5 (0 votos)