Coñecemos da conexión Boqueixón-Vedra-Silicon Valley para o fornecemento de servizos de aprendizaxe en liña para centros rurais agrupados.
Sete centros da área rural dos municipios de Boqueixón e Vedra acollerán a experiencia piloto
O vindeiro curso 2010-2011 o CESGA botará adiante o proxecto piloto bautizado 'Comunidades Rurais Virtuais en Cloud para Educación'. O obxectivo é facilitar o acceso a recursos e ferramentas avanzadas en liña que favorezan o traballo colaborativo entre os membros da comunidade educativa. Entre outros, posibilitaríanse actividades simultáneas en todos os centos a través de internet e a conformación dun verdadeiro centro 2.0 "sen portas nin horarios". Os Centros Rurais Agrupados (CRA) da área de Boqueixón-Vedra, integrando sete escolas (Lestedo, Sarandón, Sergude, San Xián de Sales, San Fins de Sales, Camporrapado I e II) son os seleccionados para a experiencia piloto.
O proxecto é xustamente un dos aprobados o pasado mes de xuño polo HP Labs, a división de I+D do coñecido xigante tecnolóxico Hewlett-Packard, en California, na área da chamada tecnoloxía 'cloud' (en nube) e no ámbito da educación. Foi presentado polo departamento de e-learning e sistemas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Está orientado a avaliar unha solución baseada en tecnoloxías cloud para fornecer servizos de colaboración e aprendizaxe en liña ás redes de CRA. A iniciativa galega competía con ducias de propostas chegadas de todo o mundo, e ademais da do CESGA foron aprobadas outras dúas achegas respectivamente dos EUA e de Taiwan. O xigante HP financiará con 40.500 euros o estudo, mentres que o CESGA achegará 25.500 euros.
Futuro "en nube"
"Os resultados deste proxecto proporcionarán información de alto interese acerca do uso da tecnoloxía cloud en educación, así como na resposta ás necesidades específicas das comunidades educativas rurais", valora Xosé Luís Mira Lema, director xeral de Educación. Xa que logo, o proxecto conta o apoio da Xunta a través deste departamento e da propia secretaría xeral de Modernización e Innovación.
A computación cloud, "en nube", é un tipo de tecnoloxía que gaña espazo a toda velocidade pola súa capacidade de facilitar acceso a unha serie de servizos informáticos e responder a necesidades dos usuarios de forma flexíbel e personalizada a través de internet. Deste xeito, e neste caso específico da comunidade educativa, cativos, nais e pais e profesorado poder acceder a todo un abano de servizos e recursos sen ter que coñecelos ou instalalos, xa que se executan directamente na rede.