Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

O atraso demográfico de Galicia

13:01 18/05/2010

De certo, non existe unha única causa para explicar os motivos do atraso económico en Galicia. Diferentes factores entre os que podemos citar a excentricidade territorial, a escasa industrialización secular, o vagaroso desenvolvemento das infraestruturas, o nulo valor engadido da nosa produción agraria dentro da Unión Europea, o fracaso dos tímidos esforzos por industrializar o agro, a salvaxe reconversión industrial que padecemos no seu día e tamén un conxunto de factores a medio camiño entre a psicoloxía e a patoloxía, que forman parte do carácter galego e que non quero citar porque entran no eido da interpretación subxectiva.

Con todo, hai un elemento chave que debera ocupar un punto central no debate político. Trátase da crise demográfica de Galicia: unha eiva que afondará no atraso económico á volta de poucas décadas, porque nos países avellentados medra o aforro e redúcense os investimentos, sacrificando o dinamismo das sociedades. E sobre esta cuestión demográfica quero ofrecer algúns datos presentados nos informes do INE:

Se a media de nacementos en España no ano 2002 era de 10,11 nenos por cada mil habitantes, a media galega foi de 7,17 nenos; apenas por riba da taxa asturiana (6,39) e mesmo inferior ca dos estados europeos: o indicador máis baixo da Unión Europea corresponde a Alemaña con 8,9 nacementos por cada mil habitantes.

Galicia ocupa a día de hoxe a penúltima posición no índice de fecundidade, que mide o número de nacementos por muller: 0,92 cando a media estatal está en 1,24. E a redución medra decontino: mentres no ano 1975 naceron 43.850 nenos en Galicia, no 2000 fixérono 19.418 un 56% menos. Ademais, no ano 2000 morreron en Galicia 9.440 persoas máis das que naceron. E se ben a tendencia á redución de poboación é homoxénea en todo o territorio, resulta máis acusada en Ourense e Lugo.

Quizais o único xeito de darlle a volta á situación consiste en actuar conxuntamente desde os eidos público e privado. En primeiro lugar, cumpre establecer políticas favorecedoras da maternidade. E non se trata tanto de subvencionar a eito os nacementos, como de facilitar a conciliación do traballo e a familia. En lugar do gasto improdutivo, os gobernantes ben poden promover a creación de gardarías e escolas con horario flexible, transporte infantil, comedores... e a prezos de servizo público. Pero este impulso non ha solucionar o problema se os empresarios non colaboran fomentando a dignidade do traballo pois, como beneficiarios da sociedade onde fabrican e venden os seus produtos, teñen a obriga de actuar con responsabilidade social. E para non estenderme sobre esta última cuestión, quero plasmar o meu desacougo ao respecto cun exemplo que, por outra parte, é un caso real:

Unha moza de vinte e oito anos asinou un contrato de proba por un período de tres meses cunha empresa de telefonía. Pasados os noventa días e despois de cubrir todos os obxectivos comerciais establecidos, a empresa despediuna xunto cos outros rapaces contratados na mesma quenda. O empresario repite esta práctica desde hai máis dun ano. Estima que os mozos con contrato temporal han esforzarse máis por acadar os obxectivos que se dispoñen de certa estabilidade laboral. A pregunta que debemos facernos é se con semellantes empresas os mozos están en condicións de traer fillos ao mundo? E aínda máis, pregunto: onde carallo está a inspección de traballo?

4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...