Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A maioría silandeira

09:00 14/06/2009

Os resultados das pasadas eleccións ó Parlamento Europeo, no que se refire a Galiza, foron os seguintes: 53% para o CA, 24% para o PP, 16% para o PSOE, 5% para o BNG e un 2% a repartir entre outras forzas. Así pois, o Colectivo Abstencionista acadou a maioría absoluta do censo electoral e debería, en boa lóxica democrática, asumir a dirección dos asuntos comunitarios. 

Porén, e de xeito incomprensible, os medios de comunicación do luns 8 deron por vencedor o PP. Incluso o senlleiro politólogo de Filgueira, Rafael Aparicio, vén de facer unha análise en Vieiros onde a palabra abstención non aparece por ningures; e só de pasada, e no medio dos 4570 caracteres,  fala dunha “baixa participación” que impide extrapolar non sei que. Ata el –home sisudo- se deixou levar polo narcisismo da clase política e achegados, negándolle os loureiros ós verdadeiros triunfadores.

E eu pregunto, ¿que niveis de abstención debemos ou estamos dispostos a aturar? Politicamente, poida que ata o infinito, xa que ás forzas políticas o que lles interesa é o reparto dos escanos e sempre reparten a totalidade deles, sexa cal sexa o volume de voto emitido. Pero, ¿e socialmente (se é que aínda existe sociedade alén da política)? ¿Cando debemos dicir xo? ¿A que niveis de abstención se debe anular ou repetir un proceso electoral? ¿Quen representa a tanta divina xente?

Como medida transitoria e co obxectivo de apertarlle o cu á clase política, eu proporía repartir os escanos en base ó censo de electores e deixar a ermo aqueles que lle corresponderan ós abstencionistas. Así conseguiriamos, alomenos, dúas cousas: primeira, un aforro nos custes de representación –que no caso que nos ocupa suporían mais da metade do total-; e segunda, que os políticos electos compartiran a cotío escano coa nada circundante –o que suporía que mais da metade do aforo parlamentario estaría ocupado por arañas tecendo arañeiras durante cinco anos.

4,65/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións