Pablo Torres e Aser Estévez son os valores emerxentes da canteira que, a xeito de proba, vestirán a camisola do Xacobeo Galicia no final da tempada ciclista.
“Para nós é unha satisfacción poder brindar unha oportunidade a xente nova e, en particular, a ciclistas galegos, porque esa é unha das razóns de ser deste equipo, e agardamos que poidan aproveitar esta oportunidade que se lles presenta, como no seu día aproveitara Marcos García", explica Álvaro Pino, manager e director deportivo do Xacobeo Galicia.
O técnico ponteareán expresa a súa satisfacción por poder darlle unha oportunidade a estes dous corredores novos que, subliña, fixéronse acredores dela. Con tal fin, o equipo aproveita as disposicións da Unión Ciclista Internacional (UCI) nesta materia para probar con novos valores do campo amateur no terzo final da tempada ciclista 2010.
Os elixidos son Pablo Torres (Cambre, 1987) e Aser Estévez (A Guarda, 1988), que poderán disputar algunhas probas do calendario profesional a partir do mes de agosto. A Volta a Portugal e a Volta a Burgos poderían ser algunhas das que lles permitan vestir o maillot do Xacobeo Galicia.
Dúas promesas firmes
Pablo Torres Muíño corre na actualidade no equipo amateur Caja Rural, de Navarra. Este ano adxudicouse a Volta a Coruña e unha etapa. No seu palmarés figuran varias vitorias máis e un subcampeonato estatal de fondo en categoría junior.
Aser Estévez, campión estatal de contrarreloxo en 2009, pertence ao C. C. Spol - Caixanova. Este ano reeditou os títulos de campión de Galicia sub 23 tanto en fondo como en contrarreloxo, e impuxérase tamén no Criterium Vigo Atlántico no arranque da tempada ciclista en Galiza.