Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Asociación pola Defensa da Ría

Recurso contra a autorización a ENCE para a planta de biomasa

A plataforma veciñal desafía o PP local a unirse á decisión e recorrer o proxecto para demostrarse está realmente pola fin do complexo pasteiro.

Redacción - 11:15 01/07/2010

O grupo ENCE non dispón dos terreos propostos para instalar unha central de biomasa, xa que só dispón de concesión en predios de titularidade pública para a fábrica de pasta de papel. Ademais, o remate da concesión en 2018 pon en dúbida a viabilidade económica do proxecto. Baixo esas dúas razóns argumentan desde a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), a súa estrañeza pola decisión da Xunta de aprobar o anteproxecto remitido por ENCE para a instalación desta central de biomasa no complexo industrial de Lourizán, na ría pontevedresa.

A APDR anunciou que presentará recurso contra esa decisión, que temen que sexa un furado en favor da empresa na teima desta por prorrogar a súa ocupación dos terreos a pé do mar. Recordan que o PP xa amosou en repetidas ocasións a súa vontade de facilitar a estratexia de ENCE para ocupar a ría alén do 2018. "Un obxectivo que tentou coa aprobación do decreto de supramunicipalidade para a instalación dunha papeleira en Lourizán, pola vía da adscrición dos terreos fabrís no porto de Marín, ou mediante a declaración de innecesiaridade dos terreos para a recuperación ambiental da zona", censuran desde a rede veciñal.

Por este motivo, repróchanlles aos populares que sigan declarando publicamente que están pola fin da actividade de ENCE cando na práctica facilitan decisións como a tomada agora desde a Xunta ao respecto desta planta de biomasa. "Esixímoslle ao PP de Pontevedra que presente recurso contra esta decisión da Xunta e ao seu presidente local, Telmo Martín, que cumpra a súa palabra, deixe a política e esixa a dimisión da persoa que asinou a resolución publicada no DOGA", reclaman.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: