O centro, que exporá por vez primeira a súa exposición permanente, terá como peza estrela un ungüentario bizantino do século III
Na reapertura do Museo do Mar expoñerase por primeira vez a súa exposición permanente, con arredor de 400 pezas que percorrerán a relación de Galicia co mar, un medio mariño que se poderá coñecer de primeira man a través dun grande acuario central. Ordenada a través de case un cento de feitos e puntos de información concretos, a exposición recolle as diferentes formas e tradicións coas que o pobo galego se relacionou co medio mariño, concretamente en todo o relativo ás actividades socioeconómicas ligadas ao aproveitamento dos recursos mariños.
O propio edificio do Museo do Mar de Galicia foi no seu tempo unha antiga fábrica conserveira e na propia zona onde este se ergue hai restos que abranguen desde a Idade do Bronce ata época galaico-romana ligados á extracción e tratamento de produtos do mar. Máis de dous mil anos de historia de cómo o pobo galego desenvolveu enxeños materiais, saberes técnicos e tradicións para aproveitar os recursos do mar.
O museo inaugurarase o venres a partir das oito da tarde e poderá ser visitado a partir do sábado.
A polémica do ungüentario
A Consellaría de Cultura e Deporte depositará na sección de Arqueoloxía do Museo do Mar un ungüentario bizantino, que se converterá nun dos obxectos máis destacados. A peza, do século III, chegou por mar a Vigo, e supostamente era empregada polos peregrinos para traer auga de Terra Santa. En 2003 foi atopado na cidade olívica, durante as escavacións realizadas para acometer as obras do túnel do Areal. Nese momento o goberno do PP ordenou o seu traslado ao Museo das Peregrinacións de Compostela.
Agora, decidiuse que ocupará un espazo no Museo do Mar, en Vigo, como foi reclamado o pasado ano polos tres grupos parlamentarios.